Subindo as escaleiras ao monte da Pastora, atopámonos cun pequeno parque infantil, unha pequena fonte de auga potable, un cruceiro e a capela da Pastora, onde se celebra anualmente a romaría dedicada a esta virxe. Detrás da capela, temos un merendeiro, ideal para pasar unha tranquila xornada de pícnic. Continuando o paseo atópase o punto máis alto, de aproximadamente 60 metros, onde se sitúa a pedra do Calvario, que ofrece unha fermosa vista panorámica da ría de Arousa, o río Umia e a impresionante zona de viñedos.
Conta a lenda que neste punto, o demo quixo tentar a Cristo e mirando ao horizonte díxolle:
“Si postrado me adorares, todo cuanto ves te daré, menos Fefiñanes, Cambados y Santo Tomé”