Mañá, xoves 8 de abril, darán comezo as obras na rúa Sevilla, que terán unha duración prevista de 44 días e consistirán na substitución de instalacións, canalización de augas e saneamento, así como na separación de fluviais e fecais. A rúa tamén terá un novo pavimento, con fresado previo, e unha nova sinalización, ademais de novos aparcamentos e beirarrúas.
Con motivo destas obras, a veciñanza desta rúa non poderá aparcar os seus vehículos na mesma, aínda que si se permitirá o acceso aos garaxes. Por outra banda, facilitarase o dobre sentido de circulación na Congostra da Rianxeira para o acceso dos residentes nesta rúa e na rúa Novedades, que xa saían antes pola mesma. Instalarase temporalmente un semáforo para facilitar a fluidez do tráfico.
As persoas residentes na rúa Álvaro Cunqueiro poderán acceder á mesma a través da rúa Celso Emilio Ferreiro, que tamén terá dobre sentido só para eles nese pequeno tramo.
Dende o Concello de Cambados pídeselle comprensión á veciñanza polas molestias que se lles poida ocasionar durante a realización das obras na rúa Sevilla.
