Na xornada de onte celebrouse no castelo de Soutomaior a xornada inaugural da escola pública de igualdade María Vinyals, organizada pola Deputación de Pontevedra, e na que o Concello de Cambados estivo representado pola alcaldesa Fátima Abal e o concelleiro de xuventude. Trátase do primeiro centro destas características en Galicia e un dos poucos en España, que nace coma un espazo para a formación gratuíta e de calidade en materia de igualdade pero tamén coma un lugar de encontro para todas as persoas que traballan na loita contra a violencia machista e a prol da igualdade efectiva entre homes e mulleres.
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, manifestou o seu orgullo ante a creación desta Escola provincial pública de igualdade “porque xornadas como esta permítennos reflexionar colectivamente, porque é certo que é fundamental poñer coñecemento, concepto, principios, debate e axenda, para que estes principios feministas que son os da igualdade sexan reais. Trátase de construír sociedades decentes e se as mulleres non estamos representadas a sociedade non é decente, se as mulleres non estamos, a democracia fraquea e nós ademais de ser feministas somos profundamente demócratas”, resaltou.
Preto de 300 representantes da política, da administración, do xornalismo e da sociedade participaron no debate xurdido dos catro relatorios desenvolvidos durante a mañá sobre a figura de María Vinyals, o movemento feminista, a axenda da igualdade e a violencia de xénero e que foron protagonizados pola historiadora Silvia Cernadas, a socióloga Rosa Cobo, a filósofa feminista Amelia Valcárcel, que expresou o seu desexo de “que isto só sexa o inicio porque a continuidade fanno todo”, e a asesora en políticas de igualdade na Diputacion de Barcelona, Maribel Cárdenas.
Xa pola tarde leváronse a cabo tres obradoiros centrados na rede de liderado de mulleres electas, as respostas das profesionais na loita contra a violencia de xénero e a perspectiva de xénero nas políticas locais, que dirixiron Lourdes Muñoz, Maribel Cárdenas e Magdalena Castellanos.