II PLAN DE CONSERVACIÓN E FUNCIONAMENTO DE BENS E SERVIZOS MUNICIPAIS 2015

A Xunta de Goberno Local celebrada no dia de hoxe acordou participar na convocatoria publica da subvención da Deputación de Pontevedra para financiar a prestación de servizos mínimos de competencia municipal mediante a contratación de 30 persoas desempregadas a través II Plan de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais 2015.

As mencionadas axudas ou subvencións irán destinadas a financiar o custo salarial total, incluída a cotización á Seguridade Social, de traballadores desempregados, en xornada de 35 horas semanais, por un período de dous meses. O importe subvencionable por traballador calcúlase en función do importe proporcional do Salario Mínimo Interprofesional para o ano 2015 para a xornada sinalada, se ben tomando en consideración como xornada completa a de 37,5 horas semanais.

Os servizos que se van desenvolver serán de interese xeral e social e xa son prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.

Os traballadores que sexan contratados para realizar as obras ou prestar os servizos deberán ser persoas desempregadas, non perceptoras de prestacións ou perceptoras de prestacións sociais destinadas a garantir os recursos económicos mínimos de subsistencia (RISGA, RAI, PREPARA e outros similares), inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección coma no da formalización do contrato.

Para a xestión das ofertas establécese como ámbito de busca de emprego o municipio da entidade solicitante, polo que o concello solicitará os traballadores que necesiten mediante a presentación da correspondente oferta na oficina pública de emprego.

O Concello de Cambados será quen realice a selección definitiva dos candidatos mediante un proceso de selección a cargo dos funcionarios municipais designados.

No procedemento de selección teranse en conta os seguintes criterios dándolle preferencia por esta orde:

a) Ás vítimas de violencia de xénero

b) Ós candidatos maiores de 45 anos

c) Ós candidatos que formen unha familia monoparental con fillos ó seu cargo

d) Ós candidatos con niveis de renda máis baixa

e) Ós candidatos con cargas familiares

 

Para esta contratación de persoal vaise solicitar inicialmente 2 Técnicos Auxiliares de Cultura -Turismo, 1 Técnico de Medio Ambiente, 5 Técnicos Auxiliares Administrativos, 2 Albaneis, 1 Carpinteiro e 19 Operarios – Limpadores.