Fotografías, teatro e charlas para concienciar sobre a situación das persoas refuxiadas en Cambados

Fotografías, teatro e charlas para concienciar sobre a situación das persoas refuxiadas en Cambados

Cambados acollerá a partir do vindeiro martes 8 unha exposición fotográfica, con posterior charla do seu autor o mércores 16, que se desenvolverán no IES Francisco Asorei, e mais un espectáculo teatral para concienciar sobre a difícil situación das persoas refuxiadas no Auditorio Municipal da Xuventude o venres 11. As actividades están organizadas pola Concellería de Servizos Sociais que dirixe Tino Cordal e encádranse no plan de sensibilización promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello.

A mostra ‘No colo da esperanza’, que se inaugurará o martes 8 de maio no centro educativo, foi realizada polo fotoxornalista Felipe Carnotto en 2015 na denominada “ruta dos Balcáns”. As fotografías están protagonizadas principalmente por rapazas e rapaces que foxen da guerra en Siria canda as súas familias, na busca dun futuro próspero en Europa. A forza das imaxes pretende poñer o foco nas inxustizas que están a acontecer para que milleiros de persoas abandonen os seus fogares e camiñen en ringleiras durante horas, cruzando países como Turquía, Macedonia ou Serbia na procura de refuxio, coa esperanza de vivir en paz.

O día 16, ás 11:30 horas, o propio reporteiro ofrecerá unha charla para o alumnado arredor da exposición. A relación entre Felipe Carnotto e o Fondo Galego bota a andar en 2014, cando o fotógrafo gaña o concurso Imaxes con Fondo II, no que o premio era unha viaxe a Nicaragua para retratar a realidade do país e os proxectos alí apoiados. Como freelance, o fotoxornalista de orixe brasileira afincado en Vigo ten publicado en xornais como The Guardian, Der Spiegel, Financial Times, El País ou a revista Luzes. En 2017 fíxose co recoñecemento á Imaxe do Ano no prestixioso certame Estação Imagem e no mesmo ano acada o Galicia en Foco.

‘O valo’ de Pallasos en Rebeldía

Uns días antes, o venres 11 de maio ás 12 horas, chegará ao Auditorio Municipal cambadés o espectáculo teatral ‘O valo’, creado o ano pasado por Pallasos en Rebeldía para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co fin de impulsar a reflexión sobre as fronteiras e a situación das persoas refuxiadas. Neste caso o público será o alumnado de sexto curso de primaria de Cambados. A Concellería de Servizos Sociais alugará un autobús para desprazar ao alumnado dende os colexios ata o Auditorio da Xuventude.

Baseada no texto homónimo que lle valeu a Carlos Labraña o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, o obxectivo da obra é evitar o esquecemento das guerras e da xente que delas foxen, ao tempo que se convida a transformar a realidade pensando un mundo diferente. A proposta representa o encontro entre unha nena que escapa da guerra e un rapaz soldado, gardián devoto de fronteiras móbiles. Cómpre ter en conta que o conflito en Siria obrigou a máis de cinco millóns de persoas a abandonar o país na procura de refuxio noutros lugares, entre as que se achan moitas menores. ‘O valo’ está escrita en homenaxe a todas elas, para que as teñamos presentes e as súas vidas constitúan o xerme da loita contra todos os valados, muros e fronteiras que separan os seres humanos.

O Fondo Galego

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 94 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade celebrou en 2017 o seu vixésimo aniversario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.