FORO VOZ: “MULLERES DE VIÑO”, O XOVES 27 ÁS 20:00 NO AUDITORIO MUNICIPAL

FORO VOZ: “MULLERES DE VIÑO”, O XOVES 27 ÁS 20:00 NO AUDITORIO MUNICIPAL

O vindeiro xoves 27 de abril, ás 20:00, o Auditorio da Xuventude acollerá o foro “mulleres de viño”, que contará coa presenza de Paula Fandiño, enóloga de Mar de Frades; Katia Álvarez , enóloga de Martín Códax; Dolores Calvo, presidenta da cooperativa Condes de Albarei; Esther Daporta, sumiller do restaurante Yayo Daporta e María Fernández Tesouro, blogger. O foro estará moderado por Fernanda Tabarés.

Estas cinco profesionais do sector vitícola analizarán o papel que a muller desempeña na cultura enolóxica.

“Este é o momento das mulleres. Formamos parte dunha xeración que está mellor preparada que ningunha e estannos comezando a dar oportunidades”. Quen fala é Katia Álvarez, enóloga de Bodegas Martín Códax e unha das dez mellores da súa profesión en España, segundo a web inglesa The Drink Business. Ela será unha das cinco participantes no Foro Voz que o xoves, día 27, se celebrará no marco de Cambados Cidade Europea do Viño. A nosa vila acollerá un debate no que quedará claro que o colectivo feminino ten moito que dicir na vinicultura actual.

A muller sempre estivo presente no sector enolóxico. Pero o seu era, como en tantos outros eidos, un papel aparentemente secundario, limitado ao coidado da vide e á recolección da uva. Esta imaxe é cousa do pasado. E ainda que queda moito por facer, cada vez son máis as mulleres que conquistan postos tradicionalmente reservados aos homes. As cinco profesionais que contarán a súa experiencia en Foro Voz non só conseguiron chegar arriba; tamén triunfaron. É o caso de Katia Álvarez e de Paula Fandiño, dúas enólogas que destacan na súa profesión ata o punto de figurar entre as dez mellores de España. As dúas dirixen os departamentos de enoloxía das súas respectivas adegas, Martín Códax no caso de Álvarez e Mar de Frades no de Fandiño.

Estas dúas profesionais compartirán debate cunha das poucas presidentas de cooperativa en Galicia. Porque, se ben as mulleres son maioría entre as socias deste tipo de organizacións, rara vez ocupan os postos relevantes. En Condes de Albarei son conscientes delo, e levan anos ofrecendo formación ao colectivo feminino para que se atreva a desempeñar cargos de responsabilidade. A súa iniciativa abreuse camiño e Dolores Calvo é a súa presidenta.

Nun mundo de homes móvese tamén Esther Daporta. A cambadesa dirixe a sala no restaurante Yayo Daporta e ven de recibir recentemente o premio á mellor sumiller de Galicia, que outorga o Instituto Galego do Viño. Será outra das participantes no Foro Voz, xunto con María Fernández Tesouro, blogueira gastronómica e influencer. Moderado pola directora de Voz Audiovisual, Fernanda Tabarés, o debate dará comezo ás oito da tarde, no auditorio de A Xuventude. A entrada é libre ata completar aforo. A iniciativa está patrocinada pola Deputación de Pontevedra, o consello regulador Rías Baixas e Condes de Albarei. Conta, ademáis coa colaboración do restaurante Pandemonium, Conservas de Cambados e as adegas Mar de Frades e Martín Códax.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.