FINALIZA EN CAMBADOS O CONGRESO INTERNACIONAL DE ENOTURISMO ORGANIZADO POR AENOTUR

FINALIZA EN CAMBADOS O CONGRESO INTERNACIONAL DE ENOTURISMO ORGANIZADO POR AENOTUR

Cambados puxo o pasado sábado o peche ao Congreso Internacional de Enoturismo, que deu comezo o xoves 2 de xullo en Viana do Castelo, despois da Asemblea do mércores, e que percorreu distintos puntos da xeografía portuguesa para concluír na capital do Albariño. Este congreso foi organizado por AENOTUR, a asociación internacional de enoturismo fundada fai un ano na nosa vila.

Os asistentes ao congreso foron recibidos pola alcaldesa Fátima Abal e por varios membros da Corporación local. Durante a mañá, desenroláronse no Salón José Peña as diversas ponencias, centradas todas elas na posta en valor do turismo enolóxico, un tipo de turismo que está experimentando un grande auxe na actualidade.

Despois das ponencias, a xornada continuou cunha visita ao conxunto histórico, con parada no Pazo de Fefiñáns. A continuación, os asistentes visitaron a adega de Albariño, Lagar de Costa na parroquia de Castrelo, na que puideron disfrutar de catas comentadas, e visitar a adega así como os viñedos a beira do mar. Despois o xantar foi a cargo de Cooperativa Salnesur, no Pazo de Baion, onde tamén se fixo un pequeno percorrido polas instalacións desta adega, para rematar a tarde cunha visita na bodega Martín Códax, na que se explicou as características especiais e o proceso de elaboración que fan do Albariño un viño de gran calidade e sona internacional. Rematando na adega Martín Códax oficialmente o acto de clausura do evento e facéndose salón de actos da adega as conclusións polos representantes dos países participantes: España, Portugal, Brasil, Uruguai e Arxentina.

A xornada rematou no Museo do Viño, onde se serviu unha cea buffet, e na que os participanes no congreso comentaron as súas impresións e intercambiaron opinións como peche ao evento.

Con este tipo de eventos, e coa participación en entidades como AENOTUR, Cambados busca ser un dos referentes mundiais en canto ao turismo relacionado co mundo do viño, un mercado que emerxe con gran forza e que demanda ante todo calidade en canto aos contidos ofertados, unha calidade da que os nosos viños poden sentirse orgullosos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.