Fefiñáns actívase co Mercado da Imaxe

Fefiñáns actívase co Mercado da Imaxe

Nesta fin de semana, o sábado 11 e o domingo día 12, a Praza de Fefiñáns, será a capital da oferta cultural, artesana e dos oficios emerxentes coa quinta edición do Mercado da Imaxe que organiza a Concellaría de Cultura do Concello de Cambados.

Seguindo o modelo de recuperación de Fefiñáns para usos públicos o evento organízase en dúas partes, na Praza instalaranse os postos de artesanía, oficios, artistas e creación contemporánea, mentres que na alameda de Fefiñáns desenvolveránse as actividades culturais complementarias.

O evento foi presentado por Víctor Caamaño, concelleiro de Cultura do Concello de Cambados e polo director de Lobisome Producións, Antón Mascato, entidade colaboradora na loxística deste certame. Caamaño Rivas, referíuse á nova convocatoria con palabras eloxiosas “volvemos reunir no extraordinario espazo da Praza de Fefiñáns, un gran evento lúdico e festivo, con diversas manifestacións de arte, fotografía, artistas gráficos, deseñadores de roupa e complementos, libro, disco e audiovisual, xentes da cultura, creativos e deseñadores de xogo, xoguetes e títeres…  na convicción de que é unha oportunidade para  facer visible a dinamización social, cultural e económica que pretendemos dende o goberno municipal”. O concelleiro afirmou que está traballando en futuros proxectos de dinamización cultural e social da Praza, que incidirán na cultura de Cambados e do Val do Salnés.

Pola súa banda, Antón Mascato, director do evento, afirmou que “a praza de Fefiñáns é o lugar perfecto para programar eventos destas características xuntando creadores, músicos, teatro ou magos, xoguetes e xogos populares, actividades ao ar libre, artes e oficios que recollan a diversidade creativa e artística ”.

Os organizadores fixeron mención especial aos creadores procedentes de Cambados, como a empresa Brazolinda, que crea xogos educativos, ou a firma Deica, de ilustración aplicada a obxectos, ademáis doutras procedentes do Grove, Vilagarcía, Vilanova, ou Ribadumia.  Profesionais de diferentes lugares de Galicia, e doutras partes da Península como Taller de Sueños, unha empresa de Zaragoza que crea xoguetes en folla de lata animados, algún deles farán traballos ao vivo durante os dous días do Mercado, encadernadores, deseñadores, artistas, xoieiros e outros profesionais nun evento que reúne arredor de trinta emprendedores de iniciativas variadas. O Mercado da Imaxe complétase cunha programación cultural que inclúe magos, xogos tradicionais, contacontos, obradoiros e safaris de fotografía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.