Chega a Cambados a exposición sobre Xosé Filgueira Valverde, homenaxeado nas Letras Galegas 2015, que a Deputación de Pontevedra está a levar por varios concellos da provincia.
A mostra está organizada pola Deputación de Pontevedra, a través do Museo, e a Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O acto de inauguración terá lugar este xoves 24 de setembro ás 20 horas no edificio de Exposalnés en Cambados (Paseo da Calzada, s/n), ao que está previsto que asista o comisario da mostra e director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle.
A exposición, de carácter itinerante e que xa visitou os concellos de Lalín, Redondela, O Porriño, Mondariz Balneario, Marín e Vigo, céntrase na vida e na obra de Xosé Filgueira Valverde, unha das figuras máis sobresalientes do seu tempo en Galicia e mesmo en España. Home de vasta formación, Xosé Filgueira significouse pola diversidade dos seus intereses intelectuais e a multiplicidade das actividades e iniciativas docentes, académicas, culturais ou políticas, que puxo en marcha e impulsou.
Está composta por 7 paneis e 2 cubos que destacan o papel de Filgueira como promotor e defensor do uso do galego, o seu compromiso co galeguismo, o seu labor no Instituto de Pontevedra e na creación do Museo e as súas facetas como creador literario, estudoso da literatura e de múltiples saberes.
Xosé Carlos Valle Pérez, director do Museo de Pontevedra e autor dos textos, e Ana Mª Costas Carbajal son os coordinadores desta mostra que poderá visitarse en Cambados ata o vindeiro 18 de outubro, en horario de luns a venres de 10 a 14 h e de 17 a 20 h, sábados de 11 a 14h.