EXPOSICIÓN E ACTUACIÓN DE BATUKO TABANKA:

BATUKO TABANKA ACTÚA O SÁBADO 2 DE XULLO ÁS 19:30 HORAS NA PRAZA DE ALFREDO BRAÑAS DE CAMBADOS

– O concerto ofrécese dentro da programación de actos culturais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
– A exposición “Galicia-Cabo Verde. Unha irmandade” estará exposta no Salón J. Peña do martes 5 ao venres 15 de xullo de 11:30 a 13:30 h.

O concerto ofrécese dentro da programación de actos culturais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, organismo ao que se incorporou recentemente o Concello de Cambados. Estas mulleres de Cabo Verde son unha tormenta de enerxía positiva. Desde que viven en Burela (Lugo) introduciron o Batuko na península ibérica, ensinando a forza da cultura africana, salseando diversidade cultural desde o medio do Atlántico.

– Membras do grupo musical:
Doce mulleres de Cabo Verde en Burela. Doce mulleres de mariñeiros. Doce loitadoras.
Doce mulleres cheas de forza, alegría, tradición e respecto.
–  Localidade natal:
Cabo Verde e Burela.
– Descrición:
Unha proposta que reflicte a mensaxe máis positiva das migracións: o respecto e o diálogo, que poderiamos resumir en dúas palabras: SABI, SABI!!!
Tabanka é unha asociación que se fundou co obxectivo de dignificar a cultura cabo-verdiana, lembrar a procedencia da nai África en todos os expoñentes culturais posíbeis, e a súa música é algún dos múltiples presentes que nos brindan estas polifacéticas mulleres.
– Biografía:
Doce mulleres de Cabo Verde, afincadas en Burela, baten con furia e alegría sobre un pano pregado que colocan entre as pernas: o batuko. O trebón percusivo medra e reflúe periodicamente, acompañando cánticos entre os que se colan risos e desafíos. De cando en vez, no medio dunha canción, unha delas sae ao centro da escena, mostrando toda a forza do movemento africano, salseando diversidade cultural desde o medio do atlántico. O bruído rebelde de Batuko Tabanka dura tempo suficiente para poñer a “pel de galiña” a quen escoite estas batukadas, coladeiras, mornas… mesturadas co salseiro cantábrico que aporta Galicia.

“Galicia-Cabo Verde. Unha irmandade”
A exposición “Galicia-Cabo Verde. Unha irmandade” estará exposta no Salón J. Peña do martes 5 ao venres 15 de xullo de 11:30 a 13:30 h. A exposición está formada por 20 paneis a toda cor, con algunhas das fotografías máis significativas de Rober Amado, gañador da primeira edición do concurso fotográfico „Imaxes con Fondo‟, na súa viaxe a Cabo Verde. Os paneis son acompañados por 4 rollers informativos sobre as accións de cooperación do Fondo Galego en Cabo Verde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.