EXPOSICIÓN CORENTENA EN TORRADO

EXPOSICIÓN CORENTENA EN TORRADO

CORENTENA é unha exposición colectiva pensada como un encontro ou reencontro de artistas cambadeses que residen na vila, mostrando no seu traballo a súa visión persoal desta situación.

A Concelleiro de Cultura informan que debido á situación actual, por mor da complexa mobilidade e o estado de incerteza e ante a inminente posibilidade de reabrir as portas ao público, o EsPazo Torrado, uníndose á reapertura doutros museos, salas e galerías, coa finalidade de retomar a actividade de artistas, profesionais do sector e ofrecer ao público unha alternativa cultural e de ocio, optou por facer cambios na súa programación actual e adaptar o espazo á nova normalidade.

CORENTENA é unha exposición colectiva pensada como un encontro ou reencontro de artistas cambadeses que residen na vila, mostrando no seu traballo a súa visión persoal desta situación. Non necesariamente feitos durante o confinamento pero si relacionados dalgún modo con el.

Vinte e catro persoas que optan pola creatividade como evasión, reflexión ou expresión, expoñen o seu traballo conxuntamente nesta primeira saída a esta nova realidade: Annika Álvarez, Fernando Arenaz, Eduardo Baamonde, Adrián Baúlde, Manolo Busto, Mon Costa, Tino Chaves, Xurxo Durán, Guillermo Charlín, Jesús Gómez, Juan Fernando de Laiglesia, Brígida Leiro, Miguel Martínez Suárez “Chiño”, Emérita Méndez, Martina Miser, Carlos O. Oubiña, Xan Paz, Luís Pazos, Moncho Pazos, Miguel Pérez Ramudo, Mariña Portas, Iria Ribadomar, Lino Silva e Alberto Sineiro. Como se soe dicir, non están todos os que son pero son todos os que están.

Poderemos ver paisaxes baleiras propias dunha novela futurista, recunchos deshumanizados, lembranzas das praias ateigadas de bañistas, secas de mariscadoras incansables, bodegóns de instantes conxelados polo tempo, imaxes da melancolía, autorretratos da soidade, mitoloxías con ensinanzas esquecidas, pero tamén fiestras de esperanza.

Varias xeracións, varias visións da arte, distintas inquedanzas, coñecementos e experiencias reúnense aquí, no EsPazo Torrado para o público cambadés e todo aquel que se atreva, poida ou queira achegarse á vila cambadesa e subir polo empedrado patín de entrada.

O próximo martes abrirá as portas e ata o 5 de xullo no seguinte horario:

Martes a venres: De 11:30 a 13:30 e de 17 a 20h.

Sábados, domingos e festivos: De 17 a 20h. A programación cultural deste ano terá que adaptarse ás circunstancias especiais que nos toca vivir. Ao longo do verán realizaranse numerosos eventos cun aforo reducido, dándolle prioridade a artistas e empresas produtoras de Cambados. En función da evolución dos acontecementos poderemos retomar a programación deseñada antes da declaración do estado de alarma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.