EXCURSIÓN A ONS E SÁLVORA PARA OS MAIORES CAMBADESES

EXCURSIÓN A ONS E SÁLVORA PARA OS MAIORES CAMBADESES

A concellería de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade que dirixe Tino Cordal está a organizar unha excursión marítima gratuíta ás illas Ons e Sálvora. A viaxe realizarase, en principio, o vindeiro 7 de xuño, aínda que é posible que a data sexa modificada en caso de que as condicións meteorolóxicas motiven un cambio de día ou incluso de semana. Cordal tomou a decisión de realizar esta excursión logo do éxito acadado o ano pasado coa viaxe ás Illas Cíes, que foron visitadas por arredor de 150 maiores cambadeses. “Trala exitosa visita á xoia do Parque Nacional das Illas atlánticas en xuño do 2017, este ano pensamos que o máis axeitado era seguir amosándolles aos nosos maiores as demais illas”, manifestou Cordal.

Para poder inscribirse na excursión é necesario residir en Cambados (figurando no padrón de habitantes da vila cambadesa) e ter cumpridos os 60 anos (para as parellas que convivan xuntas bastará con que un dos cónxuxes os teña). O prazo de inscrición ábrese hoxe luns 14 de maio e o lugar para facelo é o propio Concello de Cambados, a onde será preciso acudir co documento de identidade. Servizos Sociais encargarase de comprobar que todos os inscritos estean empadroados na localidade. Haberá 125 prazas dispoñibles e crearase unha lista de agarda de 25 persoas máis.

Segundo o concelleiro de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade, o catamarán alugado polo Concello sairá do porto de Tragobe ás 10 horas da mañá e dirixirase directamente a Ons, illa na que xantarán os excursionistas, farán rutas guiadas e disporán de varias horas de tempo de lecer. Entre as 5 e as 7 da tarde está previsto que os maiores cambadeses visiten Sálvora, onde tamén farán as dúas rutas guiadas dispoñibles: a do Faro e a da Aldea. As rutas guiadas faranse en grupos de 25 persoas. Por iso, serán necesarios ata 6 guías, que a propia navieira do catamarán encargarase de contratar.

O xantar en Ons será libre, é dicir, os excursionistas terán dúas opcións: ben, levar a comida da súa casa; ben, reservar pola súa conta nalgún dos restaurantes existentes na illa. A diferencia de Cíes, en Ons non existe ningún restaurante con capacidade para acoller xuntos a todos os excursionistas; por esta razón, a concellería de Servizos Sociais e Terceira Idade decidiu este ano deixar o xantar á libre eleccións dos mesmos.

Cordal prevé que, tralo éxito da excursión a Cíes do ano pasado, as prazas dispoñibles para a excursión a Ons e Sálvora se esgoten nuns poucos días, polo que anima aos interesados e interesadas en facer esta viaxe a anotarse o antes posible.

Por outra banda, a concellería de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade ten a intención de organizar algunha excursión máis ao longo deste ano 2018, pero a do 7 de xuño será a única que se realizará por vía marítima.