Os eventos repartíranse entre o Parque de Torrado, o Salón Peña, o Auditorio da Xuventude e as propias rúas da vila
O Concelleiro de Cultura de Cambados, Tino Cordal, presentou as actividades organizadas para a celebración do Entroido, que terán lugar entre o 25 de febreiro e o 2 de marzo, nas que se distribuirán máis de oito mil euros en premios, dado que se incrementan os importes dos mesmos, tanto no relativo ao desfile de carrozas e maquetas coma no concurso de comparsas. Cordal, que tamén é concelleiro de Sanidade, confía en que a incidencia da pandemia da Covid siga baixando nos vindeiros días e semanas, de xeito que poidamos celebrar un Entroido “case normal”, tendo en consideración que continuamos a ter algunhas restricións.
Os festexos comezarán o venres 25 coa parodia do concurso televisivo “A Túa Cara Sóame”, que terá lugar no Parque de Torrado a partir das 21 horas. En caso de choiva, este evento trasladarase ao Auditorio Municipal da Xuventude.

O sábado 26 haberá actividades e obradoiros para nenas e nenos pola tarde, a partir das 16 horas, no Parque de Torrado. En caso de choiva, estas actividades realizaranse no Salón José Peña.
O domingo 27 será o día grande do Entroido cambadés co Desfile de Carrozas e Maquetas, que sairán ás 17 horas da Escalinata de San Tomé para rematar na Praza de Fefiñáns. En caso de choiva, o desfile adiarase ao sábado 5 de marzo.
Os maiores retomarán os seus bailes neste Domingo de Entroido a partir das 19 horas no Salón José Peña.
O luns 24 celebrarase o Baile Infantil de Disfraces, organizado en colaboración coa Confraría de Pescadores San Antonio e a Asociación de Comerciantes Zona Centro, a partir das 17 horas no Parque de Torrado (en caso de choiva no Salón Peña).
O martes 25 realizarase o Concurso de Disfraces e de Comparsas, dende ás 17 horas no Parque de Torrado. Tanto o Concurso de Comparsas coma o de Disfraces terán que celebrarse no Auditorio da Xuventude en caso de choiva.
Xa para rematar, o mércores de cinza os cambadeses queimarán o polémico Benidorm Fest. O percorrido sairá ás 19 horas da Praza do Concello para rematar na Praia de San Tomé, onde se ofrecerá unha homilía a cargo do Frade Goio.
En canto aos premios, cómpre dicir que se incrementan con respecto ao Entroido do ano 2020. Así, no desfile de carrozas o primeiro premio será de 700 euros, o segundo de 600 e o terceiro de 500. Ademais, todas as carrozas que realicen o pasarrúas recibirán un mínimo de 250 euros, que no caso das maquetas será de 150.
No Concurso de Comparsas tamén hai aumento na contía dos premios, da maneira que a primeira comparsa clasificada obterá 600 euros, a segunda 400 e a terceira 300. Todas as comparsas participantes levarán unha gratificación mínima de 200 €.
Nos concursos de disfraces, organizados conxuntamente con Zona Centro e coa Confraría de Pescadores, os premios entregaranse, ao igual que en anos anteriores, en vales de compra para gastar nos comercios cambadeses. As contías son as seguintes: dous premios ao mellor disfrace en grupo (xuvenil e adulto) de 225 euros; dous premios ao mellor disfrace en parella (xuvenil e adulta) de 175 euros; e, dous premios ao mellor disfrace individual (xuvenil e adulto) de 125 euros. Na categoría infantil os premios serán de 200, 150 e 75, respectivamente.