DORIAN E AMAIA ÚNENSE AO CARTEL DE CONCERTOS DA LXX FESTA DO ALBARIÑO

DORIAN E AMAIA ÚNENSE AO CARTEL DE CONCERTOS DA LXX FESTA DO ALBARIÑO

Saen á venda as entradas para os concertos na Praza de Fefiñáns

As entradas para os concertos de AMAIA e DORIAN, xunto coas de MORAD e BENY JR, saen á venda este venres 1 de abril ás 12 do mediodía en ataquilla.com, a un prezo de 5 euros (máis 1 euro de gastos de xestión). No mesmo portal electrónico están tamén dispoñibles as entradas para o concerto de NICKY JAM).

AMAIA actuará na Praza de Fefiñáns o venres 5 de agosto ás 22:30 horas. DORIAN farao o sábado 6 á mesma hora. O concerto de MORAD e BENY JR comezará o mércores 3 ás 22 horas.

O concelleiro de Cultura, Tino Cordal, anunciou esta mañá estas novidades con respecto aos principais concertos da Festa do Albariño, que terán lugar na Praza de Fefiñáns. Confirmadas xa TANXUGUEIRAS para o martes 2 de agosto (con entrada de balde) e NICKY JAM para o venres 29 de xullo, faltan por coñecerse os nomes das ou dos artistas que actuarán en Fefiñáns o sábado 30 de xullo, o domingo 31 e o xoves 4 de agosto. O domingo 7 está reservado para actuacións infantís e o tradicional concerto do Albariño da Banda de Música de Castrelo. 

DORIAN é unha das formacións máis importantes da nova escena musical de España. Teñen publicado catro discos: “10.000 Metrópolis” (Bip Bip – K Industria – 2004), “El futuro no es de nadie” (Pias – 2007), o aclamado ““La ciudad subterránea” (Pias – 2009), “La velocidad del vacío” (Pias – 2013) e “Diez años y un día” (Dorian / IM Records – 2015). Durante estes anos compuxeron cancións tan populares como “Te echamos de menos”, “La Tormenta de Arena”, “Paraísos Artificiales”, “Los amigos que perdí”, “El temblor” ou “Cualquier otra parte”, esta última considerada todo un himno para a xeración 2.0.

DORIAN combina habilmente a tradición pop co rock e as novas producións e sons da música electrónica contemporánea. Esta mestura pouco habitual fíxoos destacar na escena española e gañarse a atención e o respecto do público e da prensa especializada, ademais de convocar grandes audiencias nos principais festivais e salas de España e México, país onde a banda iniciou unha sólida e prometedora carreira, á vez que se encontra en pleno proceso de expansión noutros países do continente americano. A banda creouse no 2003 por Marc Gili, Isabel Hernández e Bart Sanz en Barcelona, cidade que naqueles momentos vivía con intensidade a consagración da cultura de clubs e de festivais como Sonar, BAM ou Primavera Sound. Dende entón DORIAN ten actuado en practicamente todos os festivais do Estado español e en numerosos festivais doutros países, como é caso de SXSW en USA, Paredes de Coura en Portugal, Canadian Music, etc.

“Cuando no sé quién soy” é o segundo álbum de AMAIA. Unha colección de cancións de amor, reproche, dúbida e nostalxia nas que a artista continúa buscándose a si mesma, e onde os demais poderemos encontrar a súa inconfundible personalidade. Producido xunto con Alizzz, AMAIA preséntanos un disco con relucentes novos sons pop, no que por riba de todo destaca a súa brillante e doce voz. A ratos reflexivo, a ratos divertido e enérxico, “Cuando no sé quién soy” contén temas como a celebrada “Yo invito” ou a folclórica “Yamaguchi”. Destacan tamén a versión do clásico de Los Planetas “Santos que yo te pinte”, ou as colaboracións de Aitana en “La canción que no quiero cantarte” e de Rojuu en “Quiero pero no”, ademais no novo single “Bienvenidos al show”, o tema que abre este esperado novo disco de AITANA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.