DOMINGOS DE TEATRO INFANTIL E FAMILIAR NO AUDITORIO DA XUVENTUDE

DOMINGOS DE TEATRO INFANTIL E FAMILIAR NO AUDITORIO DA XUVENTUDE

A Concellaría de Cultura do Concello de Cambados, dirixida polo edil Tino Cordal, presentou a volta do teatro a Cambados. O Concello programa, en colaboración coa Rede Galega de Teatros e Auditorios, un ciclo dirixido ao público infantil e familiar que, nesta ocasión, inclúe catro títulos en cartel.

Con este ciclo de teatro buscase explorar as posibilidades do teatro non só como desfrute e diversión, senón tamén como ferramenta de concienciación social e como parte importante na formación integral das persoas.

O concelleiro de Cultura, Tino Cordal, fixo onte fincapé na variedade que ofrece a programación, pois o teatro conxúgase con humor, música e ata un espectáculo que mestura títeres e actores. Os interesados en desfrutar nestes mundos de fantasía non teñen máis que acudir os domingos ás seis da tarde ao auditorio. O prezo é de 3,50 euros e de 2,50 euros en tarifa reducida para menores de 18 anos, xubilados, pensionistas e parados.

A primeira función será o Domingo 26 de Xaneiro coa obra “A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza” da compañía A Xanela do Maxín: A toupiña saía do seu tobo e algo lle caeu na cabeza, a modo de pucho cheirento. Daquela, percorrerá a granxa investigando -moi indignada- cal dos animais que alí viven lle fixera semellante agravio: a pomba, o cabalo, a lebre… acompañada do granxeiro e a unha rapaza recén chegada da cidade, que a queren axudar. Unha obra moi participativa, simpática e escatolóxica que provoca gargalladas e fai que os espectadores empaten coa toupiña, ferida no seu orgullo. Nenas e maiores terán, con esta historia, a visión dun tema tan natural como a vida mesma e que, sen embargo, non sempre aparece en escena.

Xa no seguinte Domingo, o día 2 de Febreiro, vaise celebrar a segunda obra “MAI MAI” da compañia Baobab Teatro:  É a historia do último Oso Panda do planeta e a súa loita por sobrevivir, a falta de comida e os problemas ocasionados polo quentamento global fan difícil a supervivencia desta especie. Unha muller emprendedora e moi revolucionaria e un famoso fotógrafo comezan unha viaxe por separado para atopar o último Panda do planeta, toda unha aventura na que se atoparán unha chea de problemas que solventar…. Unha historia tenra e moi divertida onde se mestura o amor, a codicia, o éxito e a concienciación medioambiental. Unha historia que fala de revolución,  que plasma o empoderamento da muller e nos fará meditar sobre o que estamos a facer co noso planeta.

O 9 de Febreiro entrara en escena a compañía Tanxarina, coa obra “A GALIÑA AZUL”, un espectáculo que mistura títeres e actores, baseado no conto homónimo de Carlos Casares. Está orientado ao público infantil e familiar, que é co que habitualmente traballamos ao longo da nosa dilatada traxectoria profesional. A galiña azul resulta unha convincente arma contra a inxustiza, unha clara defensa da diversidade. Fainos lembrar que aínda é posible loitar contra a homoxeneidade cando esta vén imposta, que formas alternativas de resistencia seguen existindo aínda que sexa pintando galiñas de azul e organizándose de xeito colectivo.

E xa para rematar, o 16 de Febreiro pechara o ciclo de teatro a obra “A NENA E O GRILO MÁIS ALÓ”, da compañia Magín Blanco: A nena e o grilo esmagan sen querer á súa amiga Xertrude a araña… Buscando un xeito de devolverlle a vida atópanse cuns artistas ambulantes que os guiarán a travs da maxia e da música ao país dos mortos onde tentarán atopar a Xertrude para traela de volta. A Nena e grilo máis aló é unha historia divertida e evocadora que nos transporta ás buscas máis insólitas… Que pasa logo da morte?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.