Con motivo do naufraxio do pesqueiro Sin Querer Dous, o Concello de Cambados, en representación de toda a cidadanía, quere mostrar a súa solidariedade cos familiares e amigos das vítimas.
O naufraxio ocorrido no día de onte, 19 de decembro de 2018, encheu de pesar a veciños e veciñas de Cambados e nese sentido, esta Corporación acordou declarar loito oficial ata as 24.00 h. do día 22 de decembro. Ademais, de celebrarase esta concentración silenciosa nas portas da Casa do Pobo.
Este Concello, como non podía ser doutra maneira, non é alleo á profunda dor causada polo afundimento do pesqueiro “Sin querer dous”, e quere manifestar a súa solidariedade cos familiares e achegados das vítimas do accidente.
O Sin Querer Dous, antigo Playa de Portonovo, é un barco, de 26 metros de eslora, con base en Portonovo. Un pesqueiro moi querido e coñecido por todos os veciños e veciñas da vila. Entre a súa tripulación atopábanse no momento do suceso, veciños de Portonovo, aos que esta Corporación quere enviar ánimos nestes momentos difíciles, pero, sobre todo, solidarizarse coas familias e coñecidos dos falecidos, veciños de Cambados.
O regreso a casa do buque truncouse este mércores de forma inesperada para a súa tripulación, despois de descargar a súa pesca na Coruña, procedente de Gijón. Poñían Rumbo a Cambados, co propósito de pasar as festas do Nadal cos seus familiares e amigos.
No día de onte, pouco antes das dúas da tarde coñeciamos a triste noticia deste naufraxio. Seis, dos dez tripulantes, lograron poñer a salvo as súas vidas e ser rescatados por pesqueiros da zona, mentres outros tres falecían e un cuarto continúa desaparecido. Aos sobreviventes, queremos enviarlles moita forza, pero, sobre todo queremos solidarizarnos e transmitir a nosa dor ás familias dos falecidos, Manuel Serén, Bernardino Padín e Teófilo Rodríguez. E coa familia de Guillermo Casais, que continúa desaparecido.
Nestes momentos non podemos evitar lembrar outra traxedia dun pesqueiro de Cambados, de dimensións similares: O Bahía, que ao rematar a campaña no País Vasco no 2004, cando tamén volvía á casa, afondou nas illas Sisargas. Ou do pesqueiro Silvosa, que envorcaba hai tan só unhas horas, en Malpica, deixando outro falecido.
Como estes, outros moitos naufraxios, leváronse vidas de familiares veciños e amigos, que tamén queremos lembrar hoxe aquí.
Cambados está a sufrir, Galicia está a sufrir e toda España está a sufrir.
Non morre quen se vai, só morre o que se esquece, e o Concello de Cambados non vos esquecerá xamais.