CURSO GRATUÍTO PARA APRENDER A COMUNICARSE COAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

CURSO GRATUÍTO PARA APRENDER A COMUNICARSE COAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Cambados, dirixida por Tino Cordal, organiza en colaboración coa Asociación Achega, un curso gratuíto para aprender a comunicarse coas persoas con discapacidade.

O mesmo terá lugar no salón de actos de ExpoSalnés entre os días 29 de marzo e 6 de abril. Serán un total de 16 horas impartidas por profesionais expertos en comunicación e diversidade funcional;profesionais de axuda a domicilio; profesionais do ámbito sanitario: psicólogos/as, médicos/as, enfermeiros/as, traballadores/as sociais, etc.;técnicos/as; e, profesionais das residencias e centros de día. O horario das clases será das 19 ás 21 horas.

A metodoloxía empregada será teórico-práctica. As accións formativas consistirán nun curso presencial que seguirá unha metodoloxía activa e dinámica, favorecendo a participación e adaptando o curso tanto ao grupo como ás características individuais de cada persoa. A dinámica do desenvolvemento das xornadas será maioritariamente práctica, empregando role-playing, estudios de casos, experiencias no eido da diversidade funcional, etc. Os participantes recibirán material de apoio.

Os asistentes ao curso, un máximo de 30, poderán ser familiares de persoas con discapacidade, estudantes, profesionais de axuda a domicilio e todos/as os/as interesados/as na temática da dependencia e a discapacidade. Poderán inscribirse no teléfono dos Servizos Sociais do Concello de Cambados (986 520510) ou no enderezo electrónico da Asociación Achega (info@asociacionachega.es).

Este curso pretende dotar de coñecementos teóricos e prácticos a todas aquelas persoas que queiran ou precisen saber como previr ou resolver conflitos coas persoas con diversidade funcional, empregando a comunicación como ferramenta.

As clases estarán divididas en cinco módulos: definición, conceptos clave, tipos de discapacidade e “ponte no meu lugar”; barreiras da comunicación; o proceso de comunicación; técnicas de comunicación eficaz; e, pautas para mellorar a comunicación: normas básicas, casos e peche do curso.


Descargar: Dossier Curso Comunicación.pdf