- En relación aos pacientes con resultado positivo (CASOS CONFIRMADOS):
A) Deben manterse en illamento ata que as autoridades sanitarias ou o seu médico lles diga que poden abandonar este.
B) Todo paciente positivo confirmado en laboratorio privado debe comunicarllo ao seu médico de cabeceira para activar protocolos.
C) Todo positivo debe facer unha lista de contactos estreitos nos últimos días e poñela en coñecemento do seu médico de cabeceira ou do Centro de Seguimento de Casos (CSC) a través do ☎️ 881 00 20 21.
Considérase “contacto estreito” calquera persoa que permanecese máis de 15 minutos a unha distancia inferior a dous metros dun paciente “positivo” sen as medidas de protección adecuadas.
- En canto ás persoas que cumpran criterios para considerase “CONTACTO ESTREITO”:
A) Deben manterse en confinamento no seu domicilio por un período de 14 días (contados desde o último día de contacto), gardando medidas de protección cos seus conviventes.
B) Todo contacto estreito que estea a traballar debe pedirlle a correspondente baixa laboral ao seu médico de familia para manterse en confinamento.
C) Se a un contacto estreito se lle fai PCR e esta é negativa, debe manter igualmente o confinamento ata cumprir os 14 días desde o último día de contacto co paciente diagnosticado como Covid positivo.
D) Os contactos de “contactos estreitos” non se consideran tamén “contactos estreitos” dun positivo; co cal, non deben estar en confinamento, só gardar as medidas de distancia social, hixiene e uso de máscara que todos deberiamos respectar e cumprir.
E) Por protocolo do Sergas, só se lles fan PCR aos contactos conviventes (sintomáticos ou non) e aos “contactos estreitos” non conviventes que presenten síntomas.
F) O persoal médico do centro de saúde realiza a petición con base nestes protocolos, pero nin decide nin pode influír en cando se realizará a proba!
- En canto ás persoas con clínica SOSPEITOSA de Covid-19:
A) Se alguén ten clínica compatible ou sospeitosa de ser debida a Covid-19, NON DEBE ACUDIR DIRECTAMENTE ao seu CENTRO DE SAÚDE. Debe contactar telefonicamente co centro ou co CSC (Teléfono: 881 00 20 21) para realizar desta maneira unha primeira consulta e indicaráselle (dependendo dos seus síntomas) se é necesario unha consulta presencial ou non.
B) Se alguén está en espera para facer a proba por ter clínica compatible con Covid-19, debe manterse en illamento ata ter o resultado e que este sexa negativo.
C) Se, a pesar de ter unha primeira PCR (-) os síntomas continúan sendo de alta sospeita, realizarase unha nova proba ás 48 horas e deberá permanecer en illamento ata o resultado desta segunda proba.
CSC: Central de Seguemento de Contactos
Todos os posibles casos de Covid-19 recibirán unha chamada telefónica da Central de Seguimento de Contactos. A finalidade desta chamada é realizarlles unha enquisa epidemiolóxica e identificar as persoas coas que mantiveron contacto estreito.
A cada unha das persoas que tivo este tipo de contacto chamaráselles tamén por teléfono, para identificalas de maneira precisa, realizarlles unha enquisa epidemiolóxica e iniciar a partir dese momento un seguimento continuado.
Estas chamadas realizaranse desde un teléfono que comeza por 981 219 ***, polo que se vostede recibe unha chamada desde ese número, por favor contéstea.
No caso de que teña unha chamada perdida desde ese número, por favor devolva esa chamada en horario de 9 a 22.
No caso de que reciba un SMS solicitándolle que se poña en contacto, chame ao número que se lle indica seguindo as instrucións do SMS.
RECOMENDACIÓNS ANTE O COVID-19
- Que todo paciente positivo se poña en contacto co Servizo Municipal de Emerxencias do Cambados para activar a recollida selectiva de residuos ou realizar a compra de alimentos e productos de primeira necesidade, así como resolver dúbidas en canto a medidas de protección para conviventes ( Teléfono: 986 52 49 50).
- Sigamos mantendo as medidas de distancia social, hixiene de mans e uso de máscara. Só así poderemos evitar que a epidemia se siga estendendo.