CORDAL ESIXE PEDIATRÍA DE TARDE E UN MÍNIMO DE DOUS MÉDICOS NO PAC DE CAMBADOS

CORDAL ESIXE PEDIATRÍA DE TARDE E UN MÍNIMO DE DOUS MÉDICOS NO PAC DE CAMBADOS

Portavoz Somos Cambados Tino Cordal

O Concelleiro de Sanidade de Cambados, Tino Cordal, amosou hoxe a súa indignación ante a Xerencia da EOXI Pontevedra-O Salnés polo sucedido na pasada fin de semana no Punto de Atención Continuada (PAC) do Centro de Saúde de Cambados, que durante toda a mañá do sábado contou cun só médico, o cal, motivou que o PAC de Cambados quedara durante unhas horas sen atención médica, ao ter este que acudir a unha saída para atender a un paciente, algo que xa aconteceu o mes pasado no PAC de Cambados, e que polo tanto, non estamos a falar de casos illados, o que pode traer graves consecuencias como aconteceu no PAC da Estrada hai uns meses.

Cordal tamén se queixou vehementemente ante o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) pola inminente supresión das consultas de pediatría de tarde no ambulatorio cambadés. Supresión que o SERGAS non notificou aínda ao Concello pero si se lle comunicou hoxe ao concelleiro cambadés ante a insistencia deste. A resposta dende a Xunta de Galicia remítese a xa repetida noutras ocasións: non hai pediatras suficientes. Desta vez, unha das pediatras do centro pediu unha excedencia e non atopan sustituto/a.

Por elo, Cordal presentará unha nova moción no vindeiro pleno da corporación municipal cambadesa esixíndolle á Xunta de Galicia que manteña o servizo de pediatría pola tarde no Centro de Saúde de Cambados. O texto da moción é o que a continuación se expón:

O SERGAS suprimiu o servizo de pediatría de tarde no Centro de Saúde de Cambados. Un horario de consultas imprescindible para moitas familias que, por motivos laborais, teñen grandes dificultades para poder levar aos seus nenos e nenas ao pediatra pola mañá.

Tomando en consideración que, dende xa fai uns anos, o Punto de Atención Continuada (PAC) do mesmo Centro de Saúde deixou de contar cun/cunha pediatra de urxencias, a partir de agora os nenos e nenas de Cambados que precisen atención pediátrica pola tarde deberán acudir necesariamente ao Hospital do Salnés. E aquí engádese outro problema, pois isto supón dispoñer de máis tempo e dun medio de transporte para o desprazamento ata Rubiáns (Vilagarcía de Arousa), onde está situado o citado centro hospitalario.

Ter unha atención pediátrica próxima e de calidade para a nosa infancia constitúe un dereito fundamental, pois, como recolle a Constitución española no seu artigo 43, toda a cidadanía ten dereito á protección da súa saúde e compételle aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios.

A sanidade pública galega está a padecer na última década un progresivo deterioro da súa calidade, tanto na atención hospitalaria como na primaria. Trátase dunha evidencia intolerable nun país avanzado e desenvolvido. Pero, a Xunta de Galicia segue sen facer o que competencialmente lle corresponde ao respecto. Fracasa claramente na xestión e na coordinación en materia sanitaria. E así, os anos van pasando e a situación faise cada vez máis insostible.

En Cambados non estamos dispostos a seguir soportando a incapacidade amosada polos responsables da sanidade pública galega para xestionala correctamente. Por iso, e tendo en conta o anteriormente exposto, pedímoslle ao Pleno da Corporación Municipal que aprobe o acordo no que se inste ao SERGAS a manter o servizo de pediatría de tarde no Centro de Saúde de Cambados.