CONVOCATORIA PARA AXUDAS Ó ENSINO DO CONCELLO DE CAMBADOS NO CURSO ESCOLAR 2017-2018

En poucos días todos aqueles veciños e veciñas de Cambados que o necesiten, poderán  ser beneficiarios das axudas para o ensino e o transporte escolar durante este curso 2017-18. Para cubrir ditas axudas escolares o Concello de Cambados destinará unha partida orzamentaria de 18.000 euros.

As bases publicaranse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) para remitilas posteriormente á Base de Datos Nacional de Subvencións, quen lle dará de novo traslado ao BOPPO o que implicará un certo retraso para que os veciños/as poidan empezar a tramitar estas axudas. Aínda así, estas bases xa poden ser consultadas no Portal de Transparencia do Concello de Cambados para ir adiantando a tramitación e agárdase estean resoltas dentro dos prazos aproximados do pasado curso.

Estas axudas que cubrirán, segundo os casos, material escolar e/ou transporte, serán compatibles coas procedentes doutras Administracións que puideran percibirse para a mesma finalidade.

A importante novidade con respecto ó pasado curso é que as axudas ademais de cubrir Ensino  Primario e Secundario (axudas por valor de 125 euros/alumno/a), cubrirán tamén a alumnado con Necesidades Educativas Especiais (150 euros), Bacharelato (125 euros), FP (125 euros), Universidade (150 euros) e Ensinanzas Artísticas Superiores (150 euros).