O CONCELLO DE CAMBADOS ASINA COA DEPUTACIÓN TRES CONVENIOS PARA A MELLORA DA XESTION EN INFRAESTRUCTURAS, INFORMÁTICA E ARQUIVOS
O Concello de Cambados acaba de asinar tres convenios de colaboración coa Deputación de Pontevedra para a realización de auditorías sobre diferentes servizos de funcionamento interno da administración municipal.
A través destes convenios, as accións terán custe cero para o Concello e permitirán a mellora e modernización da xestión municipal en infraestructuras, informática e telecomunicacións e arquivos.
O primeiro convenio realizarase a través do “proxecto depoGAP” para a xestión de activos municipais. Permitirá ó Concello obter a información necesaria sobre a xestión e o mantemento de infraestructuras públicas como edificios municipais, vías, parques e xardíns, redes de abastecemento, vehículos ou mobiliario urbano, entre outras, posibilitando a contención do gasto e o control da eficiencia.
O proxecto depoGAP, xestión de activos provinciais permite mellorar a xestión dos activos públicos, controlando a eficiencia, a modernización e a contención do gasto. Así mesmo proporciona información ós concellos para apoiar a toma de decisións. Ten como obxectivos conseguir unha redución do impacto sobre o medio ambiente das actividades de mantemento de activos públicos e reforzar a participación cidadá na xestión dos asuntos públicos, incrementando a súa implicación na mellora dos servizos locais.
- Realizar o inventario de activos provinciais co obxectivo de dotar os concellos de información interna que lles permita optimizar a xestión dos seus activos mediante o desenvolvemento de actividades de contención do gasto baseadas en criterios de eficiencia e calidade.
- Proporcionar dotación tecnolóxica para o desenvolvemento do proxecto, que inclúe a implantación dunha ferramenta de xestión de activos provinciais e do territorio de forma centralizada para darlles servizo tanto á Deputación coma ós municipios da provincia.
- Realizar unha proba piloto de eficiencia enerxética que permita identificar a utilidade da ferramenta de xestión de activos, para comprobar que se cumpren os obxectivos e que o seu funcionamento é correcto.
- Proba piloto “Eficiencia enerxética na iluminación pública exterior”
- Proba piloto “Eficiencia enerxética en edificios”
- Proba piloto “Sustentabilidade enerxética e ambiental en instalacións deportivas”
- Proba piloto “Sensibilización e uso eficiente da enerxía nos fogares”
O segundo convenio asinado coa Deputación é referente ó ámbito informático. A través do “proxecto depoTIC” a administración municipal poderá coñecer o estado dos seus medios tecnolóxicos e de telecomunicacións, identificar as posibles deficiencias e plantexar as oportunas solucións.
O proxecto depoTIC: a tecnoloxía nas túas mans ten como obxectivo fundamental a modernización dos procesos de negocio, promovendo o uso das TIC en tres ámbitos principais:
- A Administración, mediante o asesoramento e o apoio ós concellos no relativo ás novas tecnoloxías e á Administración electrónica.
- Os cidadáns, axudándoos a utilizar os servizos da Administración electrónica, potenciando os servizos sociais e poñendo á súa disposición en liña o patrimonio documental e bibliográfico das entidades locais.
- As empresas da provincia, potenciando as canles de comercialización en liña e a estimulación do espírito emprendedor.
Finalmente, o terceiro convenio permitirá a dixitalización dos arquivos municipais relativos a expedientes e inventarios derivados dos órganos de goberno, patrimonio e servizos como licencias de obras ou libro de rexistro de industrias. Tamén se dixitalizarán expedientes e informes dos ámbitos de sanidade, educación e asistencia social.
O proxecto eDepo: a Administración nun CLICK nace co obxectivo de fomentar o uso das novas tecnoloxías e dar ó usuario o soporte necesario para o seu funcionamento, tanto na propia Deputación coma nos concellos da provincia.
Este proxecto xurdiu cunha vocación de servizo ós cidadáns, ás empresas, ós concellos e ós traballadores da Deputación de Pontevedra e ten os seguintes propósitos:
- Fomentar o desenvolvemento da administración electrónica.
- Acadar a modernización administrativa segundo o establecido na Lei estatal 11/2007 de acceso electrónico dos cidadáns ós servizos públicos.
- Fomentar o intercambio de información entre os diferentes sistemas e organismos.
- Simplificar e normalizar os procedementos administrativos.
- Despregar unha estratexia web na institución.
- Dotar a Deputación de Pontevedra dunha infraestrutura hardware e software que lle permita converterse no provedor de servizos telemáticos dos diferentes concellos da provincia de forma centralizada(depoCloud).
- Dispoñer dun centro de coñecemento avanzado para dixitalizar e difundir os soportes documentais, sonoros, gráficos e audiovisuais do Arquivo provincial e dos concellos da provincia que permita poñer á disposición do persoal da Deputación, dos concellos e dos cidadáns o acceso por medios telemáticos ós fondos dixitalizados e crear un conxunto de servizos electrónicos que lles permita acceder a todo o patrimonio cultural, contribuíndo á súa difusión.