O Concello de Cambados organiza dentro da súa programación do verán un concerto de jazz a cargo da banda Jazz Frequency Group. Será este domingo 9 de agosto ás 21 horas na Praza de Fefiñáns, con entrada gratuíta ata completar aforo. O concerto contará con todas as medidas de seguridade e hixiene que as circunstancias actuais esixen.
Jazz Frequency Group é o proxecto do contrabaixista Paco Charlín, quen segundo a crítica especializada, é un dos máis firmes valores da nova xeración de músicos de Jazz do noso país, tanto pola súa firmeza como acompañante, como pola súa expresividade de ideas como solista, sen esquecer as súas virtudes técnicas dun instrumentista de probada eficacia.
O repertorio desta formación baséase nos chamados “standards” (The Great American Songbook) e as composicións orixinais dos integrantes do grupo, levando a cabo como base rítmica e armónica a tradición e a composición contemporánea do Jazz moderno actual. Os integrantes desta formación son recoñecidos artistas do panorama actual do Jazz que se está a facer na península, e que teñen colaborado con mestres da historia do Jazz.
JAZZ FREQUENCY GROUP está integrado por:
Paco Charlín; Contrabaixo
Rosolino Marinello; Saxo tenor
Xan Campos; Piano
Max Gómez; Batería
Paco Charlín naceu en Vilanova de Arousa o 19 de Decembro do 1975. A súa formación musical iníciase aos 8 anos de idade con profesores privados de solfexo e baixo eléctrico, pasando máis tarde a formarse en diversas escolas de música como: Estudio Escola de Música, (Santiago de Compostela). Escola Taller, (Pontevedra).
En 1995 e 1996 obtivo unha bolsa por “Estudio Escola de Música” para participar nos Sixth e Seventh IASJ Jazz Meeting realizados en Tel-Aviv (Israel) e Copenhague (Denmark), dirixidos pola International Association of Scholls of Jazz (IASJ).
No ano 1996 obtén dúas bolsas da máis prestixiosa universidade de Jazz e música moderna do mundo, o “Berklee College of Music”, trasladándose a Boston, Massachussets (USA) para perfeccionar os seus estudios musicais, onde ademais compaxina na mesma cidade materias electivas no “Roxbury Community College”.
Debemos destacar tamén a súa dobre licenciatura en Bass Performance & Jazz Composition (Bachelor of Music, degree) con mención honorífica (Magna Cum Laude) e o premio “The Charles Mingus Award of Outstanding Musicianship”, concedidos pola universidade ao músico mais destacado de cada promoción do ano 2000.
Ademais, nese mesmo ano participa no XXIV Festival Internacional de Jazz de Getxo, sendo recoñecido co segundo posto. Actualmente, compaxina a docencia no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra (SPJ), impartindo materias como: armonía moderna, ensembles, contrabaixo, baixo eléctrico, técnicas de improvisación, historia do Jazz, arranxos, composición, etc. Ademais de actuar en diferentes festivais tanto a nivel nacional como internacionais: Grecia, Cuba, Uruguay, Dinamarca, Israel, Estados Unidos, Arxentina, Tánger, Helsinki, Isla de Madeira, etc.