CHARLAS NOS COLEXIOS DE CAMBADOS POLO DÍA INTERNACIONAL DAS ENFERMIDADES RARAS

CHARLAS NOS COLEXIOS DE CAMBADOS POLO DÍA INTERNACIONAL DAS ENFERMIDADES RARAS

O Concelleiro de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade de Cambados, Tino Cordal, e o Xerente da Asociación Esperanza Salnés, Augusto Chaves, visitaron na mañá de hoxe os colexios de Corvillón e San Tomé, onde realizaron sendas charlas dirixidas ao alumnado de sexto curso de primaria sobre as enfermidades minoritarias ou pouco frecuentes con motivo do Día Internacional das Enfermidades Raras que se celebra este mércores 28 de febreiro. A intención do concelleiro é repetir esta actividade o vindeiro ano noutros colexios do municipio cambadés.

As charlas están dirixidas aos nenos e nenas de sexto curso porque entendemos que este alumnado xa ten unha idade suficiente para comprender a realidade destas enfermidades e as súas problemáticas. Ademais, resulta máis doado sensibilizalos ao respecto aos 11 ou 12 anos que a idades inferiores.

As conversas co alumnado dos colexios de Corvillón e San Tomé foron presentadas por Tino Cordal, quen informou sobre a importancia da celebración dos días internacionais e, máis concretamente, do Día Internacional das Enfermidades Raras. O concelleiro de Sanidade e Servizos Sociais falou tamén do labor das administracións públicas para axudar ás persoas que padecen estas enfermidades e ás asociacións que acollen, apoian e tratan ás mesmas. Agradeceu o traballo realizado por todas estas asociacións e, especificamente, o de GaliciAme e Esperanza Salnés, que teñen a súa sede en Cambados.

O xerente de Esperanza Salnés, Augusto Chaves, fixo unha descrición da súa asociación e das tarefas desenvolvidas ao longo dos seus 21 anos de historia (dende 1997), un tempo no que atenderon a 125 nenos e nenas da comarca saliniense, pois no local da asociación préstanse tratamentos de fisioterapia, logopedia ou psicoloxía a familias de Cambados e doutros concellos como A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia e Sanxenxo.

As charlas mantidas este martes nos colexios de Corvillón e San Tomé foron seguidas con atención polo alumnado de sexto curso, quen amosou interese polo temática, tal como demostran as numerosas preguntas realizadas ao concelleiro de Sanidade e Servizos Sociais e ao xerente de Esperanza Salnés.

Aprazamento da lectura do manifesto do Día Internacional das Enfermidades Raras

Tino Cordal tamén anunciou que a lectura do Manifesto polo Día Internacional das Enfermidades Raras que ía realizar mañá ás 7 da tarde Merchi Álvarez Fernández, fundadora e presidenta de GaliciAme, queda aprazada por mor do mal tempo, xa que despois da lectura do manifesto estaba previsto que se soltaran un cento de faroliños con mensaxes de esperanza para as persoas que padecen enfermidades minoritarias ou pouco frecuentes. GaliciAme e a concellería de Sanidade e Servizos Sociais comunicarán nos vindeiros días a data na que se celebrarán estes actos para cuxo desenvolvemento é necesaria a ausencia de chuvia.