A Concellaría de Medio Ambiente, dirixida por María José Cacabelos, está organizando unha charla informativa sobre a compostaxe doméstica, que terá lugar en Exposalnés, o vindeiro martes, 17 de outubro ás 19.00h.
Tras a charla, que contará con persoal técnico especializado, farase entrega dos novos composteiros individuais que cedeu a empresa pública Sogama. Esta charla será aberta a toda a veciñanza interesada en coñecer esta práctica, co obxecto de extender a autocompostaxe á distintas vivendas unifamiliares do noso municipio, e de cara a lograr unha xestión máis sostible do lixo.
Coas accións que se levan implantando ata o momento no noso municipio; entre os centros de compostaxe comunitaria, os composteiros individuais, as áreas de reciclaxe selectivas de RAEE, etc.. tense avanzado na concienciación e na información sobre a reciclaxe e a reutilización. Dende a Concellaría de Medio Ambiente, queremos remarcar que é moi importante a redución dos residuos, xa que só así se logrará unha adecuada xestión do lixo.
Serán xa, con estes composteiros, 105 composteiros individuais entregados á veciñanza das parroquias dende que chegamos ao Goberno. Neste senso, a Concellaría de Medio Ambiente, seguirá realizando revisións nos composteiros xa instalados para solventar as posibles dúbidas que se puidesen presentar.