A redución da velocidade no centro urbano cambadés a 30 km/h a partir do 1 de xullo virá acompañada doutras medidas destinadas a mellorar o tráfico de vehículos, a seguridade cidadá, a mobilidade e a circulación peonil. Con estas medidas o goberno municipal de Cambados pretende acadar un desenvolvemento urbano sostible, cunha mellora na calidade de vida e coa protección do medio ambiente. Iso implica a humanización de prazas e rúas da vila.
Así, dende o Concello de Cambados, anúnciase a prohibición do acceso a determinadas rúas do casco histórico de Fefiñáns e do centro de Cambados a vehículos que non pertenzan a residentes ou servizos. A chegada do verán supón que moitos turistas circulen cos seus coches por rúas estreitas do casco histórico que descoñecen na procura dun espazo para aparcar, que precisamente resulta escaso nas mesmas. O Concello considera que os poucos espazos de aparcamento existentes nesas rúas deben reservarse para residentes e servizos.
As rúas nas que só se permitirá o acceso a residentes e servizos son as seguintes: San Gregorio e Sevilla, en Fefiñáns; e, Ourense, Infantas e Isabel II no centro de Cambados. Para indicar as restricións nesas rúas instalaranse sinais coa lenda “agás residentes e servizos” a partir dos primeiros días do vindeiro mes de xullo. Farase unha avaliación continúa da implementación desta medida coa finalidade de estudar a extensión da mesma a outras rúas e prazas cambadesas, ou a súa ampliación temporal alén da época estival.
O Concello cre que coa adopción desta decisión contribuirase a mellorar a calidade de vida da veciñanza, cunha maior seguridade e tranquilidade. Así, as rúas do casco histórico poderán recuperar a súa tradicional condición de punto de encontro, de convivencia e de intercambio entre a cidadanía; e deixar de ser lugares de tránsito de vehículos.
A posta en funcionamento desta medida faise pensando na calidade de vida e na seguridade da veciñanza, primando estas por riba de calquera outro tipo de interese. Os Concellos estamos na obriga de velar por todo elo.