A Concellería de Promoción Económica do Concello de Cambados e a Asociación de Comerciantes Zona Centro puxeron en marcha unha nova campaña de promoción do comercio local con motivo da celebración do Día do Pai que se desenvolverá desde hoxe ata o 23 de marzo, coa participación dos máis de 100 establecementos do municipio asociados a Zona Centro. A organización desta campaña corre a cargo da Asociación de Comerciantes Zona Centro colaborando o Concello, mediante a achega dos premios dos boletos rascas consistentes en 40 premio de 25€ e 1 premio no sorteo entre os rascas non premiados dun fin de semana no Parque da Natureza de Cabarceno en Cantabria.
Baixo o slogan “FELIZ DÍA DO PAI”, a iniciativa ten como finalidade dinamizar o pequeno comercio de Cambados, ademais de incentivar as compras nunha data tan significativa para a actividade comercial como é o Día do Pai.
Os comercios participantes entregarán aos seus clientes con cada compra un boleto rasca-premio que no caso de resultar agraciado poderano trocar en calquera dos comercios membros da Asociación de Comerciantes ata o 30 de abril inclusive.
Fernando Patricio, concelleiro da área sinalou que se continúa «coa liña de incentivar a economía local durante todo o ano mediante accións de promoción referidas a datas sinaladas no calendario de todos”, poñendo en valor “a ampla variedade de produtos e servizos de calidade que ofrecen os nosos comercios”.
O Concello de Cambados continúa coa liña de actuacións de apoio á economía local moi afectada pola pandemia COVID19, ao estar moi vinculada á actividade do sector servizos. A este respecto cabe destacar as Axudas para os sectores afectados pola Pandemia do Covid-19, as cales se presentaron un total de 90 empresas de Cambados.