CAMBADOS REPARTE GRATUITAMENTE “PALABRIÑAS DA NOSA LINGUA”, UN LIBRO EN GALEGO PARA OS CATIVOS

CAMBADOS REPARTE GRATUITAMENTE “PALABRIÑAS DA NOSA LINGUA”, UN LIBRO EN GALEGO PARA OS CATIVOS
A Área de Normalización Lingüística do Concello de Cambados, dirixida polo edil Tino Cordal, publicou un novo libro para nenas e nenos entre cero e oito anos que nace para cubrir a necesidade de material didáctico e educativo, que lle permita ao profesorado de educación infantil traballar en galego nas aulas. Esta publicación titulada “Palabriñas da nosa lingua” pretende familiarizar aos cativos cambadeses coas palabras que se usan diariamente en galego para que as empreguen correctamente.
Os libros serán repartidos ao longo dos vindeiros días nos centros escolares do municipio, tanto nas aulas de educación infantil coma nas de primeiro e segundo curso de primaria. Ademais, depositaranse un bo número de exemplares na biblioteca municipal Luís Rei e nas Casas de Cultura das parroquias para que estean a disposición dos infantes que alí acudan.
A Área de Normalización Lingüística do Concello de Cambados quere fomentar o uso da lingua galega entre a infancia e a mocidade cambadesa, habida conta que os últimos datos coñecidos, facilitados polo Instituto Galego de Estatística, alertan sobre un coñecemento e un uso moi minoritario do noso idioma entre os máis novos. Un dos motivos fundamentais polo que se ten chegado a esta triste situación para o galego é o deterioro da transmisión de pais a fillos. Así, as nenas e nenos deixan de falar galego na casa, e falan cada vez menos na escola e na rúa.
Segundo manifestou o edil Tino Cordal, “o obxectivo fundamental desta iniciativa é fomentar o uso da nosa lingua das nenas e nenos de Cambados nunha etapa decisiva na adquisición e na consolidación do idioma, e ofrecerlles aos nosos fillos e fillas unha educación e unha primeira aprendizaxe na nosa lingua e a posibilidade de poder utilizala con naturalidade”. O Concello con esta iniciativa pretende incidir no sector educativo e no entorno formativo –inicialmente na etapa infantil– para fomentar a existencia de ensinanzas e actividades extraescolares en galego, coa publicación deste tipo materiais de aprendizaxe e lecer que fagan posible e natural esta formación e emprender iniciativas que sensibilicen a transmisión e o mantemento da lingua nos meniños. Así mesmo, “pretendemos desenvolver un labor de sensibilización nos familiares e persoas do entorno dos nenos e nenas sobre a importancia e o valor que supón na formación dos cativos unha aprendizaxe en lingua galega”.
“Palabriñas da nosa lingua” inclúe palabras sobre a familia, a casa, a escola, o corpo humano, a comida, o traballo, a rúa, os animais, os meses do ano, os días da semana, os números, etc. O libro consta de 41 páxinas e está editado a toda cor con numerosas ilustracións.