Estas medidas veñen motivadas polo inicio da desescalada do estado de alarma, ocasionado pola expansión da pandemia do COVID-19
A súa duración non está determinada, dependerá do tempo que tardemos en acadar a “nova normalidade”. O obxectivo é gañar espazo para a circulación peonil que axude a manter o distanciamento social entre as persoas.
O goberno municipal de Cambados decidiu implementar medidas que permitan acadar unha circulación peonil máis segura contra o coronavirus. Por iso, dende a concellería de seguridade cidadá e mobilidade, e dende a concellería de obras e servizos vaise proceder a reordear dita circulación nalgunhas rúas e nalgúns paseos do municipio. Trátase de gañar espazo para evitar o contacto entre persoas, agora que poden saír das súas casas a pasear ou facer deporte.
Así, comezarase por ampliar a beirarrúa na Avenida de Galicia con mobiliario e sinalización urbana portátil, xustamente no tramo situado diante do Centro de Saúde, que nestes días está a ter unha maior afluencia de persoas debido á realización nas súas instalacións de máis de trescentas probas de detección do coronavirus. Nos próximos días decidirase a extensión deste tipo de medidas a outras rúas do centro urbano, en función das necesidades que se aprecien tendo en conta a densidade da circulación peonil. Ademais, o Paseo do Muíño da Seca, un dos máis transitados de Cambados, terá dirección única debido á estreiteza dalgúns dos seus tramos. De maneira que os viandantes e deportistas deberán percorrelo no sentido contrario ás agullas do reloxo. É dicir, dende o Pombal camiñarase ou correrase cara ao Parque da Seca e de alí seguirase ata o Muíño para regresar ao Pombal. Os que inicien o paseo no Parque da Seca deberán seguir igualmente esa dirección dun único sentido, que estará indicada con sinais elaborados polo Concello.
Do mesmo xeito que se fará coas rúas, as concellerías de seguridade cidadá e mobilidade, e a
de obras e servizos non descartan a extensión desta medida a outras zonas peonís do municipio, en función da evolución nos hábitos da cidadanía na elección de espazos para camiñar, correr ou montar en bicicleta. O goberno municipal cambadés fai un chamamento á poboación para que respecte as normas e os horarios establecidos para pasear ou facer deporte. A cidadanía cambadesa tivo ata o de agora un comportamento exemplar durante o confinamento e confiamos en que durante as distintas fases da desescalada continúe a amosar un civismo digno dunha sociedade avanzada e respectuosa.