– O Concello contribuirá ao impulso de proxectos de desenvolvemento en países do Sur e á concienciación da súa veciñanza fronte as desigualdades
– A alcaldesa e o concelleiro de Servizos Sociais comprometéronse esta mañá a participar de maneira activa na construción dun mundo máis xusto
O Concello de Cambados vén de reincorporarse ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, rede na que máis de oitenta municipios e dúas deputacións concentran os seus esforzos a prol da cooperación internacional. Deste xeito, o Concello contribuirá ao impulso de proxectos de desenvolvemento en países empobrecidos e mais á concienciación da veciñanza fronte as desigualdades a través de diversas actividades.
Así o anunciou hoxe en rolda de prensa a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, para quen “esta incorporación non é un mero trámite, senón que adquirimos o compromiso de participar activamente neste organismo e colaborar cos seus fins, defendendo e promocionando os dereitos humanos e a acción exterior de Galicia para a construción dun mundo máis xusto e solidario”. A vicepresidenta do Fondo Galego e edil redondelá, Teresa París, agradeceu a disposición e lembrou que a entidade “promove a cooperación internacional descentralizada, traballando de administración local a administración local, xa que como concellos coñecemos de primeira man os problemas que teñen os municipios, e iso supón un valor engadido”.
Tamén o concelleiro de Servizos Sociais, Constantino Cordal, lembrou que o goberno cambadés “está comprometido coas políticas sociais e coas causas xustas e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade represéntaas moi ben”. “Seremos un membro activo, cumpridor e entusiasta, porque temos a sensibilidade suficiente”, engadiu. Cambados deuse de baixa do Fondo Galego en 2011 e agora volve achegar a cota anual de 1.000 euros que lle corresponde segundo a súa poboación. A incorporación de novos concellos e deputacións a esta rede solidaria é unha das prioridades das novas Liñas Estratéxicas 2016-2019.
O plan para a captación de novos socios foi precisamente o primeiro punto da xuntanza da Comisión Executiva que hoxe se celebrou en Cambados, na que participaron representantes dos concellos de Redondela, Pontevedra, A Coruña e Oleiros. Adxudicáronse asemade as actividades que as administracións adheridas poderán implementar ao longo do ano para sensibilizar á cidadanía na defensa dos dereitos humanos, tales como exposicións, actuacións musicais, contacontos, charlas ou obradoiros de fotografía e calceta.
Está aberto ademais o prazo para presentarse ao concurso Imaxes con Fondo e ao programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo. Así mesmo, o 3 de maio celebrarase en Pontevedra un seminario internacional de educación para o desenvolvemento, no que o Fondo Galego e diversos concellos achegarán a súa experiencia canda entidades de Portugal, Alemaña e Holanda ás que asesoran nun proxecto europeo.
No eido da cooperación, o Fondo Galego está a apoiar un proxecto a prol da saúde infantil e materna en Mozambique e mais a reconstrución dun centro sanitario danado polas inundacións do outono nos campamentos saharauís. Así mesmo, alcaldesas e concelleiras galegas levarán a cabo un intercambio de experiencias no país africano. A entidade tamén ten denunciado a situación das persoas refuxiadas nunha declaración institucional.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 84 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.