Programa de actividades que conmemorarán en Cambados a celebración, o vindeiro martes 16 de novembro, do Día Internacional do Patrimonio Mundial.
Esta xornada conmemorará a firma en París da Convención sobre Patrimonio Mundial Cultural e Natural o 16 de novembro de 1972, que sentaba as bases para desenvolver este tipo de protección, ligando o concepto de conservación da natureza coa preservación dos sitios culturais. Será a terceira ocasión na que Cambados poida conmemorar dita efeméride, neste caso con actos públicos, xa que o pasado ano non se puideron realizar os actos programados para a veciñanza por mor da Pandemia do Covid-19 .
O xoves 18 de novembro, o Concello de Cambados, coa colaboración da asociación Amigos de Fefiñáns, realizará unha andaina polos distintos marcos xurisdicionais do século XVII de demarcación trazada para o deslinde da xurisdición de Cambados con respecto ás veciñas de Fefiñáns ao norte e San Tomé do Mar e Couto de Uso da Torre ao sur, poñerase en marcha o roteiro con chegada ao Museo do Viño e Etnográfico de Cambados, onde se atopa tamén un destes marcos, realizando tamén unha visita guiada ao interior do Museo. Ámbalas actividades son gratuítas e poden reservarse a través do correo portavoz@cambados.es ou na Oficina de Consumo de Cambados. O roteiro sairá ás 16:30h dende Tragove. onde recentemente atopouse un destes marcos xurisdicionais gracias a colaboración do veciño Ramiro Alonso Castro, o marco de xurisdición do “Bico do Cabo” que é o penúltimo ao norte da liña.
Coñecemos esta liña de marcos mediante un documento de apeo de 1670 que describe 7 marcos numerados e dous sen numerar ademais doutros riscos, lindando con Fefiñáns desde o Castro de Santa Mariña ata o mar e 3 marcos e outros riscos desde a mesma orixe ata o mar pola parte de San Tomé. A lectura completa ao norte diría deste xeito: SON DE / SU EX[CELENCIA] / EL SEÑOR / CONDE / DE/ FUENTES / CONDE.
No documento descríbese así: “Y desde dicho marco corre derecho a la Jurisdizión por la mar y marina asta dar en uno que está en la punta de Tragobe, que por haver caido el antiguo puso en el mismo Lugar Juan Pérez Enríquez, antecesor de el cual así mismo es una piedra alta enterrada entre dos Peñas con testigos junto a si, que tiene por señal y desde este marco corre derecho por la mar asta dar en Sestelas”.
Pola súa banda, o sábado 20 de novembro ás 12:00h na Casa da Calzada, levarase a cabo unha charla onde se explicara polo miúdo a reforma da Praza de Fefiñáns, que se vai levar a cabo polo concello de Cambados nos vindeiros meses, e que vai ser impartida pola Arquitecta Paula Alfonso e o Historiador cambades Jacobo Dominguez, no que explicaran dende un punto de vista arquitectónico e histórico a importancia desta reforma para a posta en valor da Praza de Fefiñáns e do Casco Histórico de Cambados no 20 aniversario da declaración do mesmo como Ben de Interese Cultural.
Ademais, o Domingo 21 de Novembro ás 18:00h tamén na Casa da Calzada, con motivo da conmemoración do Día Internacional do Patrimonio Mundial, e a cargo de Ezequiel Lago, director dos traballos arqueolóxicos na Torre de San Sadurniño, presentaranse os resultados dos traballos recentes realizados na zona arqueolóxica do illote, tendo como obxectivo que todos os visitantes que se interesan poidan coñecer de primeira man os traballos que se realizaron e a información histórica que arroxaron as máis de 200 mostras que se recompilaron nas tres prospeccións feitas.
A nosa Historia, a túa historia
O Concello de Cambados tamén vai poñer en marcha a vindeira semana, a campaña de Sensibilización Escolar en materia de patrimonio histórico no Concello de Cambados, e que elaborouse coa intención de mellorar a conciencia dos escolares de Educación Secundaria Obrigatoria para que coñezan o seu patrimonio e identifíquense con el, fomentando un cambio de mentalidade que evite as agresións ao mesmo e ofreza novas alternativas.
A Campaña pretende proporcionar aos escolares o coñecemento sobre o patrimonio histórico, co fin de conciencialos da importancia de conservalo e coidalo. Á súa vez, indirectamente, os menores asumen con normalidade o non danar ou utilizar mal algúns elementos.
Todos os materiais e mensaxes elaboráronse coa intención de que resulten atractivos e de fácil comprensión para os escolares aos que vai dirixida a Campaña: alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria entre 12 e 16 anos. A Campaña pretende sensibilizar ao alumnado de maneira que senta cómplice. Os materiais vanse poñer a disposición dos Centros de Educación Secundaria de Cambados.