CAMBADOS PARTICIPA NO PROXECTO SANEPLAN DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

CAMBADOS PARTICIPA NO PROXECTO SANEPLAN DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

O proxecto estudará as redes de saneamento e depuración dos concellos pontevedreses de Cambados, Ribadumia, Baiona e Vilanova de Arousa

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou o proxecto SANePLAN, que desenvolve a institución provincial xunto co Instituto Tecnolóxico de Galicia, dentro do programa europeo LIFE+.

Carmela Silva destacou que a súa finalidade é desenvolver un sistema de información que permita integrar as redes de saneamento e tratamento das augas residuais na planificación urbana das cidades.

“O que poñemos en marcha neste momento”, subliñou a presidenta, “é a primeira parte do proxecto que leva a cabo a Deputación, que trata de recompilar os datos da rede e das infraestruturas de saneamento e depuración nos cinco concellos adheridos a este plan”. O traballo de campo realizarao, por un importe de 102.850 euros, a empresa Lagares Oca S. L., que foi a gañadora do concurso convocado para o efecto.

No proxecto de recollida de datos van participar os concellos de Baiona, Cambados, Ribadumia e Vilanova de Arousa; tamén o concello de Chiesina Uzanesse, da rexión italiana da Toscana.

Por último, Carmela Silva destacou que a participación económica total da Deputación no proxecto é de 248.642 euros, cunha achega do 50 % de fondos da Unión Europea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.