Cambados participa na Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Cambados participa na Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O concelleiro de Servizos Sociais de Cambados e Tenente de Alcalde, Tino Cordal, ven de participar no día de hoxe na reunión que se celebrou na Deputación de Pontevedra da Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Nestes encontros, a Secretaría Técnica da entidade fixo balance dos proxectos de desenvolvemento apoiados en países empobrecidos ao longo de 2017, así como das actividades implementadas polas deputacións e concellos socios para concienciar fronte as desigualdades. Ao tempo, presentou as accións para o ano en curso, recollendo as achegas das e dos participantes.

A sesión abriuse cun repaso ao plan de actividades do pasado exercicio, no que se conmemorou o vixésimo aniversario do Fondo Galego, e que se saldou coa incorporación de cinco novas administracións. As actividades de educación para a cidadanía chegaron a milleiros de persoas duns sesenta concellos en forma de exposicións,  documentais, contos, obradoiros ou espectáculos musicais e teatrais. Ademais, promovéronse dous proxectos en Mozambique, un para previr doenzas e adiccións na mocidade a través do deporte e outro para garantir o acceso á auga nun municipio abrindo catro pozos, ademais de achegar axuda alimentaria para a poboación dos campamentos saharauís e roupa de abrigo para as persoas refuxiadas na ruta dos Balcáns.

En 2018, está previsto continuar captando novas administracións socias e seguir sensibilizando á cidadanía galega a través de actividades como dúas exposicións fotográficas, unha das cales será presentada polo propio reporteiro Adrián Irago. Tamén continuará o programa de cooperación técnica Vacacións con Traballo e desenvolveranse novos proxectos no Sur canda ONGD galegas, entre outros. Nas xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria recolleranse as suxestións dos representantes municipais e provinciais para o plan anual, pois nestes encontros o obxectivo é favorecer a circulación da información para realizar un traballo eficaz.