CAMBADOS ORGANIZA UN CURSO DE ATENCIÓN SOCIOSANITARIA

CAMBADOS ORGANIZA UN CURSO DE ATENCIÓN SOCIOSANITARIA

As concellerías de Sanidade e de Servizos Sociais, dirixidas por Tino Cordal e Fernando Patricio, respectivamente, organizan un curso de auxiliar de atención socio-sanitaria que será impartido pola empresa Ara Formación, especializada neste tipo de docencia.

A duración do curso será dun total de 150 horas, repartidas entre 110 de teoría e 40 de práctica, ao longo de dous meses. O obxectivo fundamental é formar auxiliares de atención socio-sanitaria para o coidado de persoas dependentes, un servizo cada vez máis demandado dado o envellecemento crecente da poboación.

A aprendizaxe adquirida nesta experiencia formativa serviralle ao alumnado para poder optar a un posto de traballo no campo dos coidados a persoas dependentes, por exemplo, formando parte das plantillas de traballadoras e traballadores dos servizos de axuda no fogar. As alumnas e alumnos deste curso recibirán ademais a formación necesaria para atender a familiares dependentes.

Durante os dous meses de duración do curso, as persoas inscritas no mesmo só terán que aboar unha cantidade de 15 euros ao mes (30 en total), se son residentes no Concello de Cambados, e de 30 euros se son de fóra da vila cambadesa (60 en total).

As clases impartiranse no Salón de Congresos e Exposicións José Peña entre os meses de febreiro e abril, aínda que non hai unha data concreta para o inicio do curso, pois agardarase ata completar as quince prazas previstas. Tamén pode comezar con menos persoas se non se cobren todas as prazas. Para inscribirse cómpre facelo chamando ao número de teléfono 886 203763, onde se facilitará toda a información relativa a este curso de auxiliar de atención socio-sanitaria organizado polo Concello de Cambados.

Sen categorizar