CAMBADOS HISTÓRICA OS DÍAS 19, 20 E 21 DE MAIO

CAMBADOS HISTÓRICA OS DÍAS 19, 20 E 21 DE MAIO

A decisión adoptouse, dada previsión de chuvia para esta fin de semana, nunha reunión cos hostaleiros no local de Zona Centro

A concellaría de Cultura decidiu esta mañá aprazar a celebración da segunda edición de Cambados Histórica, a feira que conmemora os séculos XVI e XVII, unha época de auxe comercial e económica na vila. A previsión de moita chuvia para esta fin de semana do 5, 6 e 7 de maio foi a que motivou a decisión de adiar o evento, que se celebrará finalmente os días 19, 20 e 21 de maio.

Cambados Histórica manterá o programa previsto para os tres días de festa, comezando venres ás 19 horas e rematando o domingo ás 21:30, con actividades que se celebrarán por toda a vila. A concellería de Cultura, organizadora do evento que conta coa colaboración de Zona Centro, agradece de antemán o apoio dos comercios e locais de hostalería que se involucren na celebración, que pretende consolidar a Cambados como un referente neste tipo de feiras.

No local da Asociación de Comerciantes e Hostaleiros Zona Centro, situado na rúa Nova, haberá traxes históricos que poderán ser alugados por quen o desexe. Ademais, varios restaurantes cambadeses xa anunciaron a súa boa disposición para unirse á celebración do evento e prepararán menús históricos especiais para esa fin de semana. O concelleiro de Cultura, Tino Cordal, agradécelle aos restaurantes a súa colaboración e anima a toda a poboación cambadesa a participar nesta celebración histórica tan especial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.