Cambados en negro contra as violencias

Cambados en negro contra as violencias

O Concello de Cambados súmase, un ano máis, á campaña “en negro contra as violencias” e convida a tódolos comercios, centros de ensino, clubes deportivos, asociacións e cidadanía a participar nela.

É preciso seguir reivindicando a igualdade, xa que os números indican que seguimos sen conseguila. Dende o ano 2003, só en España foron asasinadas máis de 1.000 mulleres e a cifra segue aumentando.

Debemos recordar que a violencia contra a muller abarca máis que a violencia física. Segundo a Declaración aprobada pola Asamblea Xeral da ONU (1993) defínese como “todo acto violento baseado na pertenza ao sexo feminino que teña ou poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para as mulleres, así como as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se produce na vida pública como na privada”.

Por todo isto, dende a Concellería da Muller e Igualdade repartimos carteis que tinguiran de negro os comercios locais e a praza de abastos. Se algunha asociación, clube deportivo precisa deste material en contra das violencias machistas, poderá recollelo en Alcaldía.

Convidámosvos, tamén, a participar na lectura do manifesto, que será o luns 25 de novembro na Praza do Concello ás 12:00 horas e, ao día seguinte, martes 26 de novembro á charla programada polo CIM “Mulleres Superviventes. Novas inciativas en materia de loita contra a violencia de xénero” no Edificio Exposalnés as 19:00 horas.

Está nas mans de todas e todos nós, formar unha sociedade máis xusta e comprometida coa igualdade real e a non violencia contra as mulleres.

“Contra as violencias, educación”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.