Cambados demanda á Xunta de Galicia que faga públicos os criterios para manter as restricións

Cambados demanda á Xunta de Galicia que faga públicos os criterios para manter as restricións

Cambados é o único Concello cunha incidencia acumulada inferior a 250 cun nivel máximo de restricións en Galicia.

Zona Centro súmase á solicitude de información dos criterios do Comité Clínico para manter o nivel alto de restricións en Cambados

O Concello de Cambados solicita que a Xunta de Galicia faga público os criterios de por que o Cambados mantén o maior nivel de restricións sanitarias a pesar de reducir tanto os casos activos como a incidencia acumulada nas últimas semanas.

O pasado 2 de decembro o presidente da Xunta detallou os diferentes niveis de intensidade establecidos tanto para a hostalaría como para a agrupación máxima de persoas, indicando que o nivel máximo de restricións se aplicaría para aqueles concellos de máis de 10.000 habitantes con incidencia acumulada a 14 días igual ou maior de 250.

O Concello de Cambados, segundo a web do Sergas, leva varias semanas cunha incidencia acumulada a 14 días inferior a 250, pero pola contra vemos como Cambados non varía o nivel de restricións como si vén de acontecer noutros municipios. Sendo Cambados, segundo os datos da web do Sergas, o único dos 17 concellos con nivel máximo de restricións en Galicia cunha incidencia acumulada inferior a 250, superando o resto de Concellos esta incidencia acumulada.

Ademais, dos 39 Concellos que teñen un nivel de restricións medio-alto, 21 teñen unha incidencia acumulada a 14 días superior a 250, máis alta ca que ten Cambados. Así, onte cando se reuniu o Comité Clínico, Cambados tiña 22 casos diagnosticados nos últimos 14 días e unha incidencia acumulada (IA) entre 150 e 250, inferior a 21 Concellos cun nivel restricións medio-alto e cunha incidencia acumulada superior a 250: Sarreaus 11 casos e IA>250, A Rúa 19 casos e IA>250, A Guarda 37 casos e IA>250, Tomiño 52 casos e IA>250, Gondomar 36 casos e IA>250, Poio 47 e casos IA>250, Vilagarcía de Arousa 109 casos e IA>250, A Illa de Arousa 96 casos e IA>250, Vimianzo 72 e casos IA>250, Dumbría 11 casos e IA>250, Zas 18 casos e IA>250, Mazaricos 42 casos e IA>250, Negreira 26 casos e IA>250, Carnota 15 casos e IA>250, Fisterra 56 casos e IA>250, Barro 29 casos e IA>250, Xinzo de Limia 33 casos e IA>250, Muros 24 casos e IA>250, Outes 30 casos e IA>250, Porto do Son 44 casos e IA>250, Pobra do Caramiñal 24 casos e IA>250) e Soutomaior que está en nivel medio ten 24 casos e IA>250, moitos destes Concellos cunha poboación superior a 10.000 habitantes.

O Comercio e a Hostalaría local piden máis información

O Goberno de Cambados mantivo no día de hoxe unha reunión co presidente da asociación de comerciantes Juan Rey, na que lle trasladou a inquedanza pola falta de claridade dos criterios de valoración e dos datos facilitados polo Comité Clínico, xa que esta situación de restricións está a afectar moi negativamente ao tecido comercial da localidade de forma xeral, pois esta situación estase prolongando moito no tempo. Polo que de seguir con estas restricións debería valorarse un peche perimetral a nivel comarcal e sería interesante que ademais dun comité clínico tamén se establecera un comité socio económico na Xunta de Galicia, que tivera en conta a realidade social de cada comarca para establecer as medidas sanitarias.

O Goberno municipal vai continuar mantendo distintas reunións cos sectores económicos da localidade para valorar esta situación que repercute negativamente na economía do municipio, como xa leva facendo dende o comezo da pandemia, para traballar de forma consensuada nas distintas medidas que se están a realizar dende o Concello de Cambados para afrontar a crise sanitaria e económica da pandemia do Covid-19.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.