CAMBADOS CONMEMORA O DÍA DO ALZHÉIMER

CAMBADOS CONMEMORA O DÍA DO ALZHÉIMER

Cambados é desde fai máis de dous anos “Localidade Solidaria co Alzhéimer” e organízanse estas actividades con motivo do Día Internacional do Alzhéimer, que se celebra hoxe, 21 de setembro

Cambados é desde fai máis de dous anos “Localidade Solidaria co Alzhéimer”, segundo o aprobou por unanimidade o pleno da corporación municipal. Por esa razón, véñense desenvolvendo na nosa vila actividades que contribúen a difundir, informar e sensibilizar ao respecto desta grave doenza que afecta a moitos cambadeses e cambadesas.

Entre outras actividades, celebráronse xa charlas informativas para familiares de persoas con Alzhéimer e unha andaina para maiores solidaria co Alzhéimer. Agora, con motivo do Día Internacional do Alzhéimer, que se celebra hoxe 21 de setembro, a Concellería de Servizos Sociais, Sanidade e Terceira Idade, que dirixe Tino Cordal, organiza unha nova charla sobre esta enfermidade e unha obra de teatro.

A charla informativa sobre o Alzhéimer terá lugar este venres 22 de setembro ás 20 horas no salón de actos de ExpoSalnés e será impartida por Alba Felpete, psicóloga de AGADEA (ASOCIACION GALEGA PARA AXUDA DOS ENFERMOS CON DEMENCIA TIPO ALZHEIMER).

Obra de teatro “Na butaca” da man de ButacaZero

A obra de teatro titulada “Na butaca” será levada a escena este sábado 23 ás 20:00 horas no Auditorio Municipal A Xuventude. A obra está dirixida por Esther Carrodeguas e protagonizada por Pepa Barreiro. Está producida pola compañía Butaca Zero. A entrada é de balde.

Pepa Barreiro volve ao teatro da man de ButacaZero para levar a escena unha das problemáticas sociais máis presentes na nosa sociedade galega, nomeadamente envellecida: a das enfermidades que teñen que ver coa perda de memoria. O proxecto teatral nace da pluma de Esther F. Carrodeguas, que ven de conquistar ao público con Voaxa e Carmín, aínda en xira, e que agora decide enfrontarse a un teatro social pero de novo poético, para ofrecer unha visión optimista e filosófica arredor dunha problemática tan complexa como son as doenzas relacionadas co esquecemento.

Tanto o texto de Carrodeguas como a súa proposta teatral conquistaron o corazón de AGADEA e tamén da Editorial Galaxia, que decidiu sacar do prelo o libro para facelo coincidir o 21 de setembro, co día Mundial do Alzhéimer. Carrodeguas e Barreiro traballaron xuntas dende o prim

eiro día para conseguir crear un texto que se amoldara perfectamente á poética da escritora pero tamén á potencia escénica da actriz. Decidiron embarcarse neste proxecto xuntas porque ambas tiñan familiares con doenzas relacionadas co esquecemento. Mais reflexionando nas táboas sobre a enfermidade, chegaron a crear un proxecto que en realidade vai máis aló, dando un punto de vista filosófico sobre o vivir no presente, sen a presión continua que adoito sufrimos do noso pasado e o noso futuro: preocupacións, culpas, ambicións… Para o traballo de luz e audiovisual que a proposta escénica requiría, contaron co traballo de Laura Iturralde.

O texto teatral chegará da man de Galaxia a todas as librarías de Galicia, a partir do propio día 21 de setembro. Á venda do libro nos teatros será benéfica, aportando un 20% a FAGAL (Federación Alzhéimer Galicia). O texto, que é poesía visual ademais de teatro, e que nos fai meternos no pensamento dunha persoa que esquece o seu pasado, o seu futuro, e que así, vive no presente, sen filtros, sen condicionamentos, sen culpa, sen nada. Unha persoa que está, que simplemente: é. E así, podemos rir con ela, chorar con ela, berrar con ela, coller rabia con ela….