CAMBADOS CONMEMORA O CENTENARIO DO INGRESO DE RAMÓN CABANILLAS NA REAL ACADEMIA GALEGA

CAMBADOS CONMEMORA O CENTENARIO DO INGRESO DE RAMÓN CABANILLAS NA REAL ACADEMIA GALEGA

O edil de Cultura, Tino Cordal, ven de presentar os actos que organiza o Concello de Cambados en conmemoración do centenario do Ingreso de Ramón Cabanillas na Real Academia Galega.

Este mércores ás 20:00 horas no monumento a Ramón Cabanillas (paseo da Calzada) o catedrático cambadés e membro da Real Academia Galega, Francisco Fernéndez Rei, e o escritor Emilio Xosé Ínsua, disertarán sobre o ingreso de Cabanillas na Real Academia Galega hai agora 100 anos. Previamente realizarase unha ofrenda floral no monumento adicado ao poeta cambadés.

A lectura do discurso de ingreso de Cabanillas, titulado “A saudade nos poetas galegos” tivo lugar no Balneario de Mondariz o 31 de agosto de 1920, sendo a primeira ocasión na que se celebraba un acto fóra da sede da Real Academia Galega, e que se enmarcaba nuns actos de reafirmación da cultura galega que duraron tres días e incluía, entre outras actividades, unha homenaxe ao historiador e escritor Manuel Murguía. Cabanillas, que tiña 44 anos, sucedía na cadeira da Real Academia a José Salgado Rodríguez.

O 13 de outubro de 1957 foi nomeado académico de honra a proposta de Luís Iglesias, Salustiano Portela Pazos, Aquilino Iglesia, Paulino Pedret Casado, Ramón Otero Pedrayo, Francisco V. Villamarín, Manuel Chamoso Lamas, Jesús Carro García e Fermín Bouza Brey. Antes, en 1929, ingresou na Real Academia Española cun ensaio sobre Eduardo Pondal.

A saudade nos poetas galegos

Na lectura do discurso de Cabanillas estivo presente a escirtora inglesa Annette M. B. Meakin, que publicaría a súa crónica en “The Times”, o xornal inglés de maior difusión nesa época, resaltando a calidade literaria do poeta cambadés.

O semanario La Temporada en Mondariz recollía, no seu número 14 do 5 de setembro de 1920, unha extensa reportaxe sobre a cerimonia de recepción na Academia do “poeta da raza”, Ramón Cabanillas.

Segundo a información da que nos fornece este xornal -promovido polo grande mecenas do galeguismo naquela altura, Enrique Peinador Lines- o día antes tivera lugar tamén, no salón de actos do balneario, o nomeamento como académico do poeta ourensán Antonio Rey Soto, mentres que ao día seguinte, mércores 1 de setembro de 1920, se celebrou unha homenaxe a Manuel Murguía. Foron, pois, tres xornadas consecutivas de exaltación da cultura galega no complexo turístico máis prestixioso da Galicia do seu tempo.

No seu discurso, contestado en nome da Academia polo lexicógrafo Eladio Rodríguez, o poeta cambadés analiza a presenza da temática da saudade na nosa tradición lírica.