CAMBADOS CELEBRARÁ O FESTIVAL DOS MAIOS

CAMBADOS CELEBRARÁ O FESTIVAL DOS MAIOS

A Concellería de Cultura do Concello de Cambados, dirixida por Tino Cordal, organiza de novo este ano o Festival dos Maios, que se celebrará os días 28 e 29 de abril no Parque de Torrado. Neste festival poderán participar os grupos, as asociacións ou os centros educativos que o desexen, que deberán inscribirse na Biblioteca Municipal Luís Rei antes das 20:30 horas do xoves 27 de abril.

O festival  contará coa participación dun máximo de 14 grupos. No caso de superar esta cantidade, seleccionaranse por orde de inscrición, dándolle prioridade ás que conten con máis integrantes domiciliados en Cambados. Os grupos estarán formados, por un mínimo de 10 persoas. A orde de actuación será a mesma que a de inscrición. Os maios deberán ter como mínimo 1 metro de alto e 70×70 centímetros de base.

Os grupos dos centros educativos deberán estar o venres 28 de abril, ás 11:00h, na Praza do Concello para o desfile ata o Parque de Torrado. En caso de mal tempo trasladarase o festival para o Salón José Peña.

Os grupos que non sexan de centros educativos deberán estar o sábado 29 de abril, ás 18 horas, na Praza do Concello para o desfile ata o Parque de Torrado. En caso de mal tempo trasladarase o festival para o Salón José Peña. Cada grupo deberá presentar un maio, realizado con materiais tradicionais, relacionado coa data que se celebra.

Os grupos contarán con medios propios para faceren a súa actuación e terán un máximo de 20 minutos dende que suban ata que baixen do escenario. Establécese igualmente un mínimo de 2 pezas musicadas para poder participar. Tódolos grupos participantes terán dereito a unha gratificación de 175€, excepto que a organización acorde que non cumpran as presentes bases, ata un límite máximo de consignación orzamentaria de 2.450 euros (equivalentes a 14 grupos). Os grupos terán a obriga de entregar o mesmo día da inscrición 2 exemplares das súas letras ou pezas na biblioteca, para incorporalas ao arquivo municipal. Ao presentar as coplas, especificarase se son novas ou pezas tradicionais relacionadas con estas datas.

Tamén o sábado 29 de abril, ás 21 horas, haberá un concerto de solistas da Banda de Música de Castrelo no Auditorio Municipal da Xuventude.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.