CAMBADOS CELEBRARÁ O DÍA DO LIBRO CO CONCURSO DE CONTOS E ACTIVIDADES NA BIBLIOTECA

CAMBADOS CELEBRARÁ O DÍA DO LIBRO CO CONCURSO DE CONTOS E ACTIVIDADES NA BIBLIOTECA

A Concellería de Cultura organiza por segundo ano consecutivo o concurso TES UN CONTO para celebrar o Día do Libro 2021, que terá lugar o 23 de abril. Ademais, para esa data tan especial, o departamento dirixido por Tino Cordal, xunto co Obradoiro de Emprego de Garantía Xuvenil, preparou unha serie de talleres artísticos saudables que se desenvolverán nos xardíns da Biblioteca Municipal Luís Rei de Cambados na tarde do vindeiro venres, entre as cinco e as sete da tarde.

A actividade denominada TES UN CONTO pretende crear un libro de relatos curtos en galego para o que se establecen 3 categorías: ata 11 anos, de 12 a 17 e de máis de 18. Os contos deben ter unha extensión de entre dúas e catro páxinas e incluír as seguintes palabras: brétema, fogar, mariñeiro, morriña, toxo e vermello. O prazo para entregalos na propia biblioteca municipal ou envialos por correo electrónico (a biblioteca@cambados.es) remata o 7 de maio. Ao igual que sucedeu o ano pasado, os escritores dos relatos gañadores serán obsequiados con vales de compra para gastar nun establecemento comercial cambadés. Haberá premios para os 3 primeiros de cada categoría.

Tamén co gallo da celebración do Día do Libro, os xardíns da Biblioteca Luís Rei acollerán o vindeiro venres 23 de abril, das 17 ás 19 horas, uns obradoiros artísticos saudables dirixidos a nenas e nenos de 5 a 11 anos, que inclúen: globoflexia, papiroflexia, e os xogos da oca e de parchís predeportivos. Para poder participar nos mesmos é preciso inscribirse na biblioteca antes do mércores 21, xa que se seguirá un estrito protocolo de control anti-COVID. Os nenos e nenas participantes terán que facer uso de máscara. Haberá medicións da temperatura corporal previamente ao acceso dos xardíns e dispensarase xel hidroalcohólico a todos os participantes. O aforo será reducido e faranse grupos para evitar aglomeracións. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.