O Concello celebrará a ofrenda floral e a lectura de poemas o domingo 17 ás 12 horas no monumento a Cabanillas situado no Paseo da Calzada.
O concurso de poemas curtos, de 16 a 32 versos, ten 3 categorías: ata os 11 anos, de 12 a 17 e de máis de 18. A temática é a lingua e a literatura galega.
O goberno municipal de Cambados decidiu celebrar finalmente a festividade do Día das Letras Galegas o vindeiro domingo 17 de maio. Farao coa tradicional ofrenda floral no monumento a Ramón Cabanillas e cunha lectura de poemas do escritor homenaxeado este ano, Ricardo Carvalho Calero.
Ademais, a Concellería de Cultura, dirixida polo primeiro tenente de alcalde, Tino Cordal, convocou un concurso de poemas curtos, de 16 a 32 versos, con tres categorías: infantil, xuvenil e adulta. A temática dos poemas debe ser a lingua e a literatura galega. O prazo para a súa presentación xa está aberto e remata o mesmo domingo 17 de maio. Haberá dous premios por cada categoría. Os poemas teñen que ser enviados ao enderezo electrónico da Biblioteca Municipal Luís Rei: biblioteca@cambados.es
O xurado do concurso de poesía estará formado polos escritores cambadeses Ramón Caride Ogando e Domingo Tabuyo Romero, quen tamén estarán na ofrenda floral e na lectura de poemas de Carvalho Calero, xunto coa neta de Ramón Cabanillas, Pitusa Cabanillas, Isabel González Avión, Maribel Iglesias Baldonedo, Manuel Núñez Pérez e Emilio Xosé Ínsua López, quen realizará unha breve disertación sobre a biografía e bibliografía do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. O acto no Paseo da Calzada comezará ás 12 do mediodía e rematará arredor das 13 horas, e estará amenizado con música tradicional galega.
A Concellería de Cultura de Cambados tiña programado unha serie de actos para celebrar a festividade do Día das Letras Galegas deste ano 2020, entre os que se incluían unha conferencia no salón de actos de ExpoSalnés sobre Ricardo Carvalho Calero a cargo do escritor e investigador Emilio Xosé Ínsua López, un concerto musical no Auditorio Municipal da Xuventude e a tradicional exposición de carteis sobre a persoa homenaxeada no Paseo da Calzada, elaborados polos nenos e nenas dos colexios cambadeses.
Con todo, a declaración do estado de alarma ocasionada pola expansión da pandemia da enfermidade COVID-19 motivou a cancelación dalgúns dos actos programados pola Concellería de Cultura de Cambados, que tivo que adaptarse a esta situación facendo unha nova programación, máis sinxela, para non deixar de celebrar este ano o Día das Letras Galegas.