CAMBADOS CELEBRA O DÍA DE ROSALÍA HOMENAXEANDO A LUÍS REI

CAMBADOS CELEBRA O DÍA DE ROSALÍA HOMENAXEANDO A LUÍS REI

A presentación de Basiliana terá lugar na Casa da Calzada o martes 22 ás 19:30h

O Concello vai distribuír, de xeito gratuíto, a derradeira obra de Luís Rei xunto cunha rosa, a quen merque un libro en galego no Día de Rosalía de Castro, o 23 de febreiro, en calquera das librarías da vila

Co gallo da celebración do Día de Rosalía, o mércores 23 de febreiro, a Concellería de Cultura do Concello de Cambados, dirixida por Tino Cordal, homenaxeará a Luís Rei coa presentación da derradeira obra do que foi durante tres décadas técnico de cultura, ademais de responsable da biblioteca municipal que agora leva o seu nome.

A presentación terá lugar na Casa da Calzada o martes 22 ás 19:30h e nela participarán, ademais do Concelleiro de Cultura, a profesora Patricia Arias, xunto con Francisco Fernández Rei e Emilio Xosé Ínsua, coordinadores da obra titulada “Basiliana. Materiais para unha biografía  de Basilio Álvarez que ficou inconclusa”.

Con esta obra a Concellaría de Cultura do Concello de Cambados continúa o labor iniciado o ano pasado de apoio á rede libreira cambadesa á que se lle facilitan exemplares da obra para que sexan distribuídos, de xeito gratuíto, a quen merque un libro en galego no Día de Rosalía de Castro, o 23 de febreiro, en calquera das librarías da vila: Castelao, Contos, Cabanillas ou Nobel, ademais de dotar de exemplares á rede bibliotecaria pública, e aos centros educativos.

Luís Rei e “Basiliana”

O lembrado técnico de cultura do concello de Cambados, falecido en 2015, investigando a traxectoria de Ramón Cabanillas para escribir a súa Crónica de desterros e saudades (Ed. Galaxia, 2009), encontrouse coa figura apaixonante e controvertida do abade de Beiro, Basilio Álvarez, que espertou nel unha rotunda simpatía e unha admiración sen volta. Mentres a doenza  que deu cabo da súa vida non deixaba de avanzar, Luís tivo aínda folgos para recompilar valiosos materiais co obxecto de confeccionar unha biografía do líder agrarista e republicano que, infelizmente, ficou inconclusa.

O presente volume ofrece unha edición ordenada e anotada deses materias, na firme convicción de que, incompletos e todo, representan unha achega pertinente e valiosísima no camiño de coñecermos e comprendermos mellor a figura do animador da Liga de Acción Gallega, o gan valedor de Ramón Cabanillas