O Concello de Cambados organiza un acto institucional aberto ao público no que se realizara a tradicional lectura popular da obra de Rosalía na praza do Concello de Cambados ás 12:00h, á que poderán sumarse todas as persoas que o desexen.
Antes, lerase un manifesto asinado polo escritor Daniel Asorey centrado no fenómeno da emigración e do que significou para Galiza, cunha sociedade presente que segue a ter a esta muller do século XIX como un auténtico referente, porque como proclama o manifesto deste ano da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega, “é difícil imaxinarnos sen Rosalía, como é difícil alentar sen ar ou vivir sen auga”.
Coincidindo co acto institucional de celebración do 183 Aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, tamén na Praza do Concello de Cambados o luns 24 de febreiro, o Obradoiro de Emprego xuvenil “Cambados Emprendedor” de animación sociocultural, van organizar un taller para nenos de 12:00 a 14:00 horas.
Rosalía e o río Sar foron os vencedores da votación en liña da Unión Astronómica Internacional para elixir o nome dunha estrela e o seu planeta, a proposta da Agrupación Astronómica da Coruña IO, motivo polo que o obradoiro para nenos vaise centrar en debuxar e pintar a súa estrela para realizar un achegamento ao mundo infantil da Nai das nosas letras. Ademais, coincidindo este ano o día de Rosalía de Castro no medio do entroido, os máis cativos, tamén van poder realizar no obradoiro maracas e caretas de Rosalía de Castro.
Actividades para nenos o Sábado de Entroido no Parque de Torrado
A Concellaría de Cultura tamén organizou actividades infantís no Parque de Torrado ao cargo da empresa Nordelaina, que contará cun posto de pintacaras e tatuaxes temporais, simultaneamente vaise realizar un taller de antefaces e xogos con música. A partir das 7 da tarde todos os nenos poderán desfrutar dunha merenda típica con doces de entroido e chocolatada. Ademais tamén estará o Obradoiro de Emprego xuvenil “Cambados Emprendedor” de animación sociocultural levando a cabo Obradoiros de manualidades, xogos de destreza e xogos predeportivos para que os máis cativos da casa desfruten dun día de festa o sábado de entroido en Cambados.