CAMBADOS CELEBRA A SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE

CAMBADOS CELEBRA A SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE

O Tenente de Alcalde e Concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Tino Cordal, vén de anunciar a celebración da Semana Europea da Mobilidade, un evento ao cal xa se incorporou o municipio cambadés en anos anteriores. Se ben, este ano a concellería de mobilidade tamén tivo en conta a campaña da vendima á hora de decidir realizar cortes ao tráfico no centro urbano. Por iso, só se pechou ao tráfico, durante a xornada deste domingo 19 de setembro, a Praza do Concello (de xeito parcial, no acceso dende a Avenida de Galicia cara á Praza Ramón Cabanillas) e a rúa Infantas. A rúa Isabel II, que leva pechada ao tráfico todo o verán, seguirá sendo peonil até o 13 de outubro. 

A Semana Europea da Mobilidade leva celebrándose dende o ano 2002. Os obxectivos fundamentais da mesma son a procura dunha mellora da calidade de vida e da saúde pública mediante a promoción dunha mobilidade limpa, un transporte urbano sostible, un camiñar e un ciclismo urbano seguros, e demostrar como unha mobilidade activa pode resultar beneficiosa para a nosa saúde e para o noso medio ambiente.

O Concello de Cambados acolle con interese as actividades desta Semana Europea da Mobilidade, xa que o goberno municipal cambadés ten intención de levar adiante un ambicioso plan de mobilidade e accesibilidade que poña por diante as persoas antes cos vehículos. Iso posiblemente incluirá novas peonalizacións e restricións ao tráfico nalgunhas rúas e prazas, que serán de uso preferente para residentes e servizos, ademais dos peóns e ciclistas. Cordal espera poder presentar este Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) a finais do vindeiro mes de outubro. Para a elaboración do mesmo o Concello mantén aberta unha enquisa de opinión sobre a mobilidade na súa páxina web, dentro dun proceso que procura a participación cidadá, denominado “Cambados Móvete”, para a redacción do PMUS.

Ademais dos peches ao tráfico, entre as actividades destes días cabe destacar un concurso de Tik Tok que consiste en subir vídeos co cancelo #SEMANAEUROPEAMOBILIDADECAMBADOS. Neste concurso haberá premios en vales de compra en establecementos comerciais de Zona Centro para os tres mellores participantes, por importes de 75, 50 e 25 euros, respectivamente. As bases están publicadas na páxina web do Concello. Por outra banda, o mércores 22 de setembro farase unha ruta en bicicleta en prol da mobilidade sostible con saída e chegada na Praza do Concello. Estas actividades da Semana Europea da Mobilidade están organizadas conxuntamente polo Obradoiro de Emprego Xuvenil e polo Concello de Cambados, e contan coa colaboración da Asociación de Comerciantes Cambados Zona Centro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.