CAMBADOS CELEBRA A SEMANA DO LIBRO

As presentacións terán lugar en Torrado do 3 ao 8 de agosto ás 21 horas

As Áreas de Cultura e de Normalización Lingüística do Concello de Cambados organizan a Semana do Libro que se celebrará do 3 ao 8 de agosto nos xardíns do Pazo de Torrado. A actividade consiste na presentación polos seus propios autores e autoras de libros escritos en galego, publicados recentemente. Todos os escritores e escritoras teñen relación con Cambados e/ou coa comarca do Salnés.

A Semana do Libro comeza o vindeiro luns 3 ás 21 horas coa presentación das obras Irmá Paxaro, de Tamara Andrés, e Migratoria, de Andrea Fernández Maneiro.

O martes 4, ás 21:30, os xardíns do Pazo de Torrado acollerán a Ramón Caride, que presentará o seu último libro: Historias Incertas.

O mércores 5, ás 21 horas, Miguel Pérez Ramudo fará a presentación da súa obra con ilustracións sobre o escritor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas, Ricardo Carvalho Calero; mentres Héitor Picallo presentará As Letras Galegas en Caricatura, un percorrido ilustrado por todas as edicións dos Días das Letras Galegas, dende Rosalía de Castro ata o propio Carvalho Calero.

O xoves 6, tamén ás 21 horas, Antón Mascato presentará Atila no Grove, Crónica política e Historia da Masacre, un ensaio sobre a brutal represión franquista no municipio grovense e na nosa comarca.

O venres 7, Miguel Anxo Seixas fará a presentación da súa obra Castelao, Construtor da nación, outro ensaio sobre a vida política da gran figura histórica do galeguismo.

Finalmente, o sábado 8, pechará a Semana do Libro Adolfo Caamaño coa súa novela Matar ao heroe, que acadou o Premio Vilar Ponte. Todas as presentacións terán un aforo reducido, con só 25 cadeiras separadas entre elas un metro e medio, e disporán de todas as medidas de seguridade e hixiene pertinentes. Poderanse adquirir in situ todas as obras asinadas polos seus autores e autoras ao remate de cada presentación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.