CAMBADOS AGASALLA CON LIBROS E ROSAS PARA CELEBRAR O DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

CAMBADOS AGASALLA CON LIBROS E ROSAS PARA CELEBRAR O DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

O Concello vai repartir 24 libros e 24 rosas a cada unha das librarías cambadesas, que se entregarán ás primeiras 24 persoas que merquen un libro en galego nalgún deses establecementos o mercores 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro

O Concello de Cambados únese un ano máis á celebración do Día de Rosalía de Castro o vindeiro mércores 24 de febreiro, data de nacemento da gran poetisa galega. Por ese motivo, a Concellería de Cultura e Normalización Lingüística decidiu agasallar con libros e rosas ás persoas que se acheguen ese día a calquera das catro librarías existentes en Cambados para mercar un libro en galego.

O concelleiro Tino Cordal quere lembrar que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora dende o ano 2010 o Día de Rosalía, propoñéndolle á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas. O Concello de Cambados, ao igual que outros concellos, únese a esta proposta con entusiasmo, dado o firme compromiso do goberno municipal cambadés co noso idioma.

Así, o mércores 24 de febreiro, as primeiras 24 persoas que merquen un libro en galego nalgunha das catro librarías cambadesas (Ramón Cabanillas, Castelao, Contos e Nobel) recibirán como agasallos o libro editado polo Concello de Cambados Ramón Cabanillas Enríquez. Esta é a súa historia e unha rosa. Con esa finalidade, o Concello repartirá 96 libros e 96 rosas entre os devanditos establecementos.

Con esta iniciativa, o goberno municipal pretende conmemorar esta data tan importante para a cultura e a lingua galega, e ademais amosar o seu apoio ás librarías cambadesas, que, ao igual que todo o sector do comercio, está a padecer as consecuencias da grave crise ocasionada pola expansión da pandemia da Covid-19.

É precisamente a existencia desta pandemia a que impide que o Día de Rosalía se poida celebrar con máis actividades. Pois a Concellería de Cultura e Normalización de Cambados tiña pensado programar ademais un concerto musical e unha lectura pública de poemas para festexar a efeméride do 24 de febreiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.