A praza do Concello de Cambados acollerá una concentración pola defensa de pensións dignas este sábado 17 de marzo ás 12:30. O concelleiro de Sanidade, Servizos Sociais e Terceira Idade, Tino Cordal, falou onte coa coordinadora e portavoz do Movemento pola Defensa das Pensións Públicas e da Coordinadora Estatal en Defensa do sistema público de pensións, Victoria Portas Mariño, para que incluíse a Cambados no mapa das concentracións deste sábado 17 de marzo.
Cabe lembrar que o pleno da corporación municipal de Cambados xa adoptou fai un ano, a proposta do portavoz de Somos Cambados e concelleiro de Sanidade, Servizos Sociais e Terceira Idade, un acordo pola defensa dun sistema público de pensións dignas.
Cordal di que apoia na súa totalidade o Manifesto da Coordinadora Estatal en Defensa do sistema público de pensións, ao cal se lle dará lectura o vindeiro sábado na praza do Concello de Cambados, e solidarízase con todo o colectivo de pensionistas pola inxusta situación que están a padecer nos últimos anos cos recortes realizados polos sucesivos gobernos en materia de pensións.
“A defensa dun sistema público de pensións dignas é un deber de toda a sociedade, non só dos xubilados e pensionistas. Por iso é o momento de estar ao lado dos que durante toda unha vida de traballo loitaron para sacar adiante as súas familias e que agora sobreviven malamente cunhas pensións indignas”, afirmou Cordal.
Por iso, facemos un chamamento a tod@s @s pensionistas e, en xeral, a toda a cidadanía cambadesa para que acuda a participar na concentración que terá lugar este sábado, ás 12:30, na praza do Concello, convocada polo Movemento pola Defensa das Pensións Públicas e pola Coordinadora Estatal en Defensa do sistema público de pensións.