CAMBADOS ACOLLE UNHA CHARLA INFORMATIVA SOBRE A REFORMA SANITARIA

CAMBADOS ACOLLE UNHA CHARLA INFORMATIVA SOBRE A REFORMA SANITARIA

Este venres 10 de novembro, ás 20 horas, celebrarase en ExpoSalnés unha charla informativa sobre a polémica reforma da Lei da Saúde que quere levar adiante a Xunta de Galicia. Esa reforma provocará a supresión da área sanitaria do Salnés, reducindo consultas e servizos no Hospital comarcal, e incrementará o desvío de pacientes cara aos centros hospitalarios privados.

A charla está convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés, integrada por diversas asociacións, sindicatos e todos os partidos políticos (excepto o Partido Popular, que decidiu non participar na plataforma) con representación nos concellos de Cambados, A Illa de Arousa, Ribadumia, Vilanova e Vilagarcía (municipios que forman parte da área sanitaria do Salnés).

O acto estará presentado por Tino Cordal, concelleiro de Sanidade de Cambados, e contará coas intervencións de representantes da Xunta de Persoal do Hospital do Salnés e con membros da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés.

Dende a concellería de Sanidade de Cambados faise un chamamento á veciñanza para que acuda a informarse das graves consecuencias que pode ocasionar esta reforma da Lei da Saúde. Así, consultas e servizos que se están a prestar agora no Hospital do Salnés serán desviados a outros centros hospitalarios de cidades como Pontevedra ou Santiago de Compostela.

A Xunta de Galicia leva anos desmantelando a sanidade pública galega, ata o punto de convertela nunha das máis privatizadas do Estado. De feito, os últimos datos dispoñibles sinalan que máis do 25 por cento da sanidade galega atópase xa en mans privadas, e este proceso de privatización incrementarase coa nova reforma.

No caso do Hospital do Salnés son moitos os pacientes que podían ser atendidos perfectamente neste centro hospitalario comarcal e están a ser derivados a un Hospital privado de Pontevedra, mentres boa parte das instalacións reformadas do Salnés non se utilizan.

O Concello de Cambados, ao igual cos de A Illa de Arousa, Ribadumia e Vilagarcía, xa aprobaron nos plenos das súas respectivas corporacións municipais unha moción de rexeitamento do anteproxecto de reforma da Lei de Saúde de Galicia. A mesma moción foi levada ademais ao pleno da Mancomunidade do Salnés, onde tamén foi aprobada.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés convocou unha manifestación o pasado 29 de setembro en Vilagarcía á que acudiron miles de persoas. Agora está a preparar unha marcha á Hospital comarcal que terá lugar nas vindeiras semanas.