CAMBADOS ACOLLE O “TRAMO POLO MIÑO FREE-STYLE”, UN ENCONTRO DE DANZA E MÚSICA URBANA

CAMBADOS ACOLLE O “TRAMO POLO MIÑO FREE-STYLE”, UN ENCONTRO DE DANZA E MÚSICA URBANA

O evento celebrarase o sábado 29 de abril, a partir das 18 horas, na Praza de Alfredo Brañas

A concellaría de Cultura do Concello de Cambados apoia este proxecto iniciado por Clemente Pimenta Trapote, un mozo de 22 anos con inquedanzas artísticas e musicais que quere lanzar dende Cambados esta nova proposta de danza e música urbana.

O encontro terá lugar na Praza de Alfredo Brañas o vindeiro sábado 29 de abril a partir das 18 horas. Nel actuarán Plié Dance School, Fuck Poseidón, Charlyto e outros doce free-stylers galegos. A duración do evento, de carácter gratuíto, será de arredor de tres horas. Un xurado integrado por expertos decidirá cal é a mellor proposta presentada no escenario da Praza de Alfredo Brañas. O gañador recibirá como premio un vale de compra doado pola Asociación de Comerciantes Zona Centro. Tamén haberá máis agasallos para os participantes, proporcionados por outros patrocinadores.

“Tramo polo Miño Free-Style” pretende consolidarse como un encontro itinerante de artistas urbanos. Cambados será a primeira parada dun proxecto que en próximas datas viaxará por outras vilas e cidades galegas, cun afán máis divulgativo que competitivo, tratando de dar a coñecer esta cultura urbana entre a mocidade.

O concelleiro de Cultura, Tino Cordal, e o organizador do evento, Clemente Pimenta, reuníronse varias veces nas últimas semanas para ultimar os detalles necesarios para a celebración deste encontro de artistas urbanos, que esperan teña unha boa acollida por parte do público cambadés.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.