Cambados acolle este mes de febreiro seis novos obradoiros do programa “SmartPeme”

Cambados acolle este mes de febreiro seis novos obradoiros do programa “SmartPeme”

O programa de asesoramento no ámbito das TIC da Deputación de Pontevedra está destinado ás persoas emprendedoras e ás pemes da provincia

O Centro ExpoSalnés de Cambados acollerá durante o mes de febreiro seis obradoiros ao abeiro do programa “SmartPeme” da institución provincial. “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

A actividade deste mes arranca este luns 5 de febreiro co obradoiro “Imos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEO”. O seguinte, “Woocommerce I–A solución para vender por internet”, terá lugar o xoves 8 de febreiro. O terceiro obradoiro do mes nas oficinas de Cambados será “Mide os teus obxectivos en redes sociais: Análise de estatísticas”, o martes 13 de febreiro. Pola súa banda, o luns 19 de febreiro impartirase “Colabora co teu equipo dun xeito máis sinxelo”. As dúas últimas citas do mes serán “Emprego de vídeos nas redes sociais: Youtube, Periscope…”, o mércores 21 de febreiro, e “Mellora a calidade das túas imaxes con editores online”, o mércores 28 de febreiro. A oficina “SmartPeme” de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no paseo da Calzada, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.galTodas as actividades comezan ás 19 horas.

Lembramos que o novo proxecto “SmartPeme”, en palabras da presidenta da Deputación, Carmela Silva, “é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma as e os emprendedores, as asociacións empresariais e as e os axentes de dinamización en concellos”. Para isto, nas oficinas de “SmartPeme” no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo hai itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial das e dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.